REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
Ben Voce, director
A Real Filharmonía de Galicia toma parte un ano máis no programa de Cineuropa e ponlle música en directo á proxección de Sing Sing, un filme dirixido por Greg Kwedar con música de Bryce Dessner, que a orquestra interpretará baixo a batuta de Ben Voce. Probablemente o nome de Dessner asóciase máis ás bandas sonoras de O renacido ou de Os dous Papas, aínda que o músico de Ohio conta cunha sólida traxectoria sinfónica. Nel conflúen o compositor de música orquestral e o guitarrista de rock e autor principal da banda The National, con premios como os Globos de Ouro e os Grammy en ambas as facetas. Entre as súas influencias conviven, con sorprendente harmonía, Brian Eno, Johann Sebastian Bach e Steve Reich. Para Sing Sing, Dessner traduce en música o leitmotiv do filme —o poder transformador da arte como forza de resistencia dun home inocente, encarcerado— e faino a través dunha partitura que evoca, ante todo, a liberdade.
SING SING / AS VIDAS DE SING SING (2023) (Estrea en España)
Greg Kwedar
Estados Unidos / 107 min / Ficción / Inglés
Ficha artística:
Colman Domingo, Clarence Maclin, Sean San José, Paul Raci, David Giraudy, Patrick Griffin, Mosi Eagle, James Williams
Ficha técnica:
Guión: Greg Kwedar, Clint Bentley
Fotografía: Pat Scola
Música: Bryce Dessner
Son: Lee Salevan
Edición: Parker Laramie
Produción: Monique Walton, Clint Bentley, Greg Kwedar
Sinopse:
Un pequeno grupo de presos encarcerados no Centro Correccional Sing Sing, unha das prisións de máxima seguridade máis coñecidas do mundo, proponse montar a súa propia obra teatral como parte dun obradoiro. O filme amosa o traballo en comunidade e a transformación colectiva a través da interpretación que, ensaio tras ensaio, percorre a experiencia humana e artística dos presos e a súa posibilidade de se atoparen a si mesmos dentro dos muros do cárcere.