RFG · AMANCIO PRADA · MARÉ

DATOS BÁSICOS

Por vez primeira, o histórico cantautor Amancio Prada presentará coa Real Filharmonía de Galicia a versión sinfónica dos Seis Poemas galegos de Federico García Lorca, coa orquestación e dirección de David Fiuza e a colaboración especial do Coro Cantigas e Agarimos. Será a primeira vez que se poidan escoitar os poemas galegos de Lorca en versión sinfónica e será a segunda vez na que colaboren Amancio Prada e a Real Filharmonía de Galicia. “É unha obra pensada como unha suite, unha obra única e contínua en seis movimentos, fluindo coa mesma naturalidade que amosou Lorca”, afirma Prada sobre este traballo que considera “unha homenaxe a Galicia e á súa alma”.

Amancio Prada (Castela e León)

Amancio Prada (Dehesas, León, 1949), é unha figura de referencia e un dos grandes difusores do corpus poético galego e español a través das súas composicións. Cunha prolífica discografía plasmada en 36 álbums, gran parte deles en galego, Amancio Prada transformou a obra escrita de grandes poetas en cancións populares que acabarían formando parte da memoria colectiva de varias xeracións. Desde San Juan de la Cruz a Agustín García Calvo, pasando por Miguel Hernández, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro e os seus adorados Rosalía de Castro e Federico García Lorca.

O concerto inaugural do Festival Maré será o primeiro da súa nova xira «Celebrando 50 anos desde ‘Vida e Morte'», na que Amancio Prada, só acompañado da súa guitarra, lembrará este disco fundacional. Gravado en París en 1973, e publicado en Francia por vez primeira en xaneiro de 1974, «Vida e Morte» converteuse, con España aínda no franquismo, nun disco de culto que ía de man en man de xeito clandestino. Composto dunha ducia de cancións, a metade de elas en galego, foi un dos traballos pioneiros en musicar poetas en lingua galega, pasando a cancións poemas de Rosalía de Castro, pero tamén outros poetas contemporáneos de aquel momento como Celso Emilio Ferreiro ou Darío Xohán Cabana, que escribiu o poema do que toma o título o álbum. 

Poemas transformados en cancións como «María Soliña» ou «Como chove miudiño», pasaron ao acervo popular interpretados por Amancio Prada, nun disco no que tamén musicou a poetas como Miguel Hernández, Nicolás Guillén o berciano Luis López Álvarez e poemas seus propios en galego e castelán. «Vida e Morte» está considerado un dos discos fundacionais da música galega.

Entradas: 

Venda de entradas en: MARÉ

Dúbidas con respecto as entradas no mail: mare@mare.gal

Funcións: 
Mércores, 20 Setembro, 2023
20:30
Auditorio de Galicia