RETROUSOS · ICTUS

DATOS BÁSICOS

ARTES ESCÉNICAS · MEDIACIÓN CULTURAL

RETROUSOS é un espazo aberto de exploración dos procesos creativos da programación de Compostela Cultura, no que creadoras e creadores, en colaboración co servizo de mediación cultural do Auditorio de Galicia, propoñen encontros e diálogos co público arredor das obras.

Nesta ocasión, e de maneira previa á estrea da peza ICTUS, o novo espectáculo de Chévere, RETROUSOS propón afondar nos materiais históricos, políticos e humanos que atravesan a peza. ICTUS parte dunha reflexión sobre a memoria individual e colectiva, tomando como eixe A derradeira leición do mestre de Castelao e a figura de Alexandre Bóveda, para interrogar a relación entre memoria, democracia e esquecemento.

Co espectáculo como pano de fondo, a sesión de RETROUSOS · ICTUS reúne tres voces alleas á compañía que achegan miradas complementarias desde distintos ámbitos en diálogo cos temas da obra:

Aldara Cidrás, investigadora especializada no uso de fontes xurídicas para a construción da memoria da violencia golpista.

Xosé Manuel Beiras, profesor, economista e político, que abordará a transmisión da memoria de Castelao e Alexandre Bóveda no pensamento nacionalista, con especial atención ao legado económico e facendístico deste último.

Leticia Vila Posada, directora de Dano Cerebral Galicia, que realizará unha intervención divulgativa sobre o dano cerebral adquirido e os procesos necesarios para a súa recuperación.

RETROUSOS concíbese así como un espazo de mediación e pensamento compartido que amplía a experiencia escénica e prepara o encontro co espectáculo desde a reflexión crítica e colectiva.


ACCESIBILIDADE: 

Esta actividade contará con interpretación en lingua de signos

Duración: 
75 min (aprox.)
Acceso: 
  • Acceso libre até completar capacidade
  • Esta actividade contará con interpretación en lingua de signos
Info práctica: 
Sábado, 7 Febreiro, 2026
12:30
Auditorio de Galicia