PRESENTACIÓN DE 'SEM GRANA E SEM FRESCURA', DE CONSTANCE HURLÉ

Zona C. Punto de información cultural
DATOS BÁSICOS

A ZONA C acolle o mércores 18 de outubro a presentación da obra resultante da primeira residencia literaria que concorreu á convocatoria de intervencións artísticas para este espazo, na modalidade de proxectos de creación literaria.

Sem grana e sem frescura é unha novela de Constance Hurlé editada por Rinoceronte Editora que a escritora madurou durante a residencia que desenvolveu de maio a xuño de 2022 no edificio da praza de Cervantes que albergou outrora a sede do Concello de Santiago. Nese período, ideou diversas intervencións creativas destinadas a tecer pontes entre a literatura e o público estimular o desenvolvemento desta novela que agora se presenta e que a autora introduce así:

"Durante case oito meses estiven viaxando facendo autostop ao longo de Brasil. Sem grana e sem frescura era unha das miñas frases durante a viaxe, trátase dun refrán brasileiro que quere dicir algo así como “sen cartos e sen miramentos”. Esta obra, por tanto, mostra ese periplo por Brasil, unha viaxe durante a cal atravesei 16 dos 26 estados do país prescindindo dos cartos e as comodidades. O relato toma como punto de partida unha serie de notas e fragmentos que fun escribindo ao longo da viaxe, así como doutros textos escritos por persoas que me acompañaron nalgunha das etapas.
Durante eses meses vivín unha longa serie de aventuras, unhas fermosas e outras moi duras, converténdose a experiencia nunha aprendizaxe indiscutible. Asistín a rituais de culturas indíxenas, coñecín o Santo Daimán, tomei ayawasca, troquei ideia con outros viaxeiros, axudei a unha muller maltratada a abandonar ao seu home, estiven ingresada rozando a morte, fun vítima de acoso, leváronme á comisaría por unha equivocación, bañeime nas fervenzas máis fermosas que viron os meus ollos, aprendín a traballar o fío, a facer fogueiras, a durmir á intemperie e a cagar nun buraco cavado polas miñas propias mans. Agora chegou o momento de transmitir estas experiencias, por iso xorde a necesidade de facer da miña travesía unha novela.

Constance Hurlé (Vigo, 1990)
Licenciada en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela, é tamén titulada no Mestrado en Investigación en Estudos do Teatro pola Universidade Autónoma de Barcelona, mantén unha constante formación teórica coa participación e asistencia activa a diferentes congresos de artes escénicas. Comeza dende moi nena a facer teatro e tece unha traxectoria que transita por diferentes disciplinas e escolas de artes escénicas e danza, entre as que destacan a Escola Integral do Creador Escénico Vladimir Tzekov, en Granada, e A Artística, da man de Olga Cameselle. En 2014 iníciase no microteatro coa peza dramática El día después e en 2016 ve a luz o seu primeiro proxecto poético musical é A mazá de Rosalía. Conforma un dúo poético musical con Rui Grenha, con dous concertos presentados ”bic in progre[s]” (2017) e hacialaluz (2019), a partir dos cales publicará os poemarios bicmordido (2017, Ed. Carena) e hacialaluz: poesía, sonido, imagen (2019, Ed. La Fábrica de libros), alén dun fanzine poético autoeditado.

Hurlé entende a literatura coma medio de expresión das emocións e como crítica social e, dende esa perspectiva, conxuga poesía e escena navegando polos xéneros híbridos. Recentemente foi premiada coa peza Monólogo para corpo en movemento no Festival FIOT de 2020, e polo seu microrrelato Manaus no concurso de relatos contra a violencia de xénero organizado polo Concello de Ribadavia, en novembro de 2020. Participa en festivais de poesía como o Keruac (2018) ou o Festival Nun Local (2018) con intervencións poéticas, alén de diversos eventos como slams, recitais, jams de improvisación vocal, etc. Dirixe e interpreta a obra de teatro contemporáneo Lara Hierro (Rianxo, 2022)

Acceso: 

ACCESO LIBRE sen necesidade de reserva

Info práctica: 
Mércores, 18 Outubro, 2023
11:00
Zona C. Punto de información cultural