CINEUROPA · PREMIO CINEUROPA KAMAL ALJAFARI
WITH HASAN IN GAZA / CON HASAN EN GAZA (2025)
Kamal Aljafari
Palestina, Alemaña, Qatar / 106 min / Documental / Árabe
Ficha artística:
Marya Imbro, Mikhail Senkov, Olga Reptukh
Ficha técnica:
Guión: Kamal Aljafari
Fotografía: Kamal Aljafari
Edición: Kamal Aljafari
Produción: Flavia Mazzarino
Sinopse:
En 1989, durante a Primeira Intifada palestina, Kamal Aljafari foi encarcerado pola ocupación israelí, onde coñeceu a Abdel Rahim. Doce anos despois, viaxa á Franxa de Gaza coa única axuda dun nome, unha fotografía, un guía local (Hasan) e unha cámara MiniDV, na procura do seu antigo compañeiro de cela. A partir das tres cintas gravadas naquela viaxe, With Hasan in Gaza constrúe, dúas décadas máis tarde, un poderoso ensaio sobre a perda, a memoria e a resistencia. As imaxes, cheas de vida e beleza, captan a dignidade do cotián —os rostros, as voces, os lugares— fronte á devastación dun territorio condenado á ruína. Unha reflexión cinematográfica sobre a memoria, a perda e o paso do tempo, que captura unha Gaza do pasado e vidas que quizais xa nunca volvan atoparse.
Kamal Aljafari é un incansable colector de imaxes que dedica a súa filmografía á reconstrución da memoria ameazada do seu pobo, tanto desde o persoal como desde o colectivo. A súa obra —que inclúe Port of memory (2009), Recollection (2015), An unusual summer (2020) e A fidai film (2024)— conforma un percorrido radical e poético pola historia recente de Palestina. Movéndose entre o documental e o cine-ensaio, Aljafari filma desde a ausencia, revela o que xa non está e converte o arquivo nunha ferramenta política e estética. With Hasan in Gaza (2025) estreouse no Festival de Locarno.