PREMIO CINEUROPA A ALBERTE PAGÁN E PROXECCIÓN DO FILME BS. AS.
A ESTÉTICA SEN ÉTICA E PURA COSMÉTICA. Esta frase, que ben podería ser dun eslogan de maio do 68, é perfectamente aplicable á filmografía e o sino creativo de Alberte Pagán.
A obra de Alberte é moi variada, diríamos que poliédrica, pero ten un salientable fío condutor: toda a súa filmografía é cinema militante que convida á reflexión e á procura. Ben podería ser un perseguidor ao estilo máis puramente cortazariano. Por esa e outras razóns, este desafío da creación dentro da creación preside pezas como Dolores, que ilustra a tendencia de Alberte de indagar en novas texturas fílmicas ou novas linguaxes cinematográficas, experimentando cunha peli de cinema clásico para dinamitar, precisamente, desde dentro, o dispositivo do discurso do clasicismo. Outras obras nesta liña son Superficies, Témenos, Catedral de Rouen, e mesmo Límites, unha olhada anti-especista ao mundo animal non humano, un filme cheo de gatiños lindos que pasan de ser animais de certa especie para convertirse nalgo tan simple —e tan complexo— coma un ser vivo.
E, máis atento ao contido, a ideoloxía e o cine como si fora a guitarra ou a metralleta de Woody Guthrie, existe o Pagán do agit-prop cando xa nadie semella atreverse a estilizar o agit-prop: obras como Película urgente por Palestina, que ilustra, por outra banda, ese cinema máis evidentemente militante. Cinema perentorio, de máxima urxencia. Por iso queremos tanto a Alberte, pola súa irreverencia, pola súa apertura de miras, pola súa capacidade reflexiva como teórico. E pola sua practicidade á hora de nos descubrir todo tipo de referencias artísticas, culturais e literarias. Pola súa poética espida ou metacinematográfica. Polo seu compromiso co cine e co noso tempo. E pola súa idea de vivir rodando, alleo ás altas ou baixas presións, ás marxes dos condicionantes das feiras de vaidades da industria ou do oropel dos festivais divinos.
E tamén por ter xa estado alí cando agromou a xeración do Novo Cinema Galego. Con aquel Bs. As. que o situou na avant-garde, como solitaria roca atlántica, cando no cinema en galego o que primaban eran as falsarias peliculas producidas por Gerardo Herrero e míseramente dobradas á nosa lingua por arte e negocio de Pancho Casal. Quremos tanto a Pagán por ser portador da autoridade do xefe da tribu. E por preferir non facelo. Ou sexa, non exercer ningunha oficialidade ou xefatura. Coma un Bartleby ácrata, reluctante a calquera xerarquía de poder sequera artístico. E dono dos seus silencios, dos ecos levitados das súas imaxes. Da sua cosmogonía gobernada solo pola pureza, fronte a un mundo de imposturas. (Ana Gontad e José Luis Losa)
Bs. As. (2006)
Galiza / 79 min / Documental / Galego, español
Ficha artística
Marta Vázquez, Jesvir Mahil, Celia Pagán, Pepe Vázquez, Gloria González, Daniel Vázquez
Ficha técnica
Autor: Alberte Pagán
Bs. As. é unha película sobre Buenos Aires e a súa relación con Galiza (por tanto, sobre a emigración, que marcou a tantas xeracións de galegas e galegos). Pero non sobre o Buenos Aires real, denotativo, físico, senón sobre o Bs. As., así abreviado, mítico, connotativo, soñado.
O filme escaravella nas miserias, nas traxedias, nos traumas, nas separacións, nos desencontros que a emigración conleva, e que a dia de hoxe aínda perduran.
Nunha primeira parte, a modo de prólogo, unha serie de vellas fotografías reflicten o devir histórico dunha familia, tan ligado a América. Estas fotografías serán a ancoraxe gráfica do relato que se desenvolverá a continuación.