O CINEMA MILITANTE DE CARLOS ASOREY: OFICIO DE DESTERRO

DATOS BÁSICOS

CINEUROPA

ACTIVIDADES PARALELAS

O cinema militante de Carlos Asorey: Oficio de desterro (1979)

Recuperamos o filme Oficio de desterro (1979) de Carlos Asorey. Unha filmación única que retrata os galegos migrantes en París na década dos setenta. 

Exiliado na  capital francesa, Asorey comeza a gravar arredor do ano 1977. A Filmoteca de Galicia conserva máis de cinco horas de material filmado en Super 8. Trátase de gravacións moi heteroxéneas: a emigración galega en París e as súas angueiras cotiás, o seu lecer, os movementos sociais en París e en Galicia, as súas viaxes persoais e ata semella ter a idea dalgunha ficción. Un rexistro que dá mostra da pulsión de Asorey, que grava todo, case con desesperación.

O seu debut cinematográfico en Galicia prodúcese nas VI Xornadas do Cine das nacionalidades e rexións de Ourense (1978), compartindo cartel con L. Soler e C. Varela con Festa popular na montaña. Un filme que, aínda que fóra de foco, recolle un acto reivindicativo que se celebrara na súa terra natal para lle reclamar unha ponte a Fenosa sobre o encoro de Portodemouros. 

Ao ano seguinte, na I Mostra de Cine das Nacionalidades e das Rexións, sección do VII Festival do Humor da Coruña, presenta a peza Oficio do desterro (1979), agora nun ciclo con E. Lozano, X. Villaverde e o Grupo 4, formado tamén en Vincennes, entre outras, por Cruz Risco, filla menor de Vicente Risco.

Xa en 1981 regresa a Compostela por mor dunha enfermidade. Asorey traballa como cámara na TVG desde o ano 1985 sen ver cumprido o desexo de facer cine en Galicia. 

Carlos Asorey é un exemplo máis das tentativas de facer cine militante e comprometido co país durante os anos 70. A súa relevancia, alén da cinematográfica, é, sen dúbida, social e histórica. 

 

OFICIO DE DESTERRO (1979)

Carlos Asorey 

España, Francia / 40 min / Documental / Galego

Sinopse:

Abre o filme con galegos e galegas en “O Toxo” nun domingo de lecer. Ao día seguinte unha rapaza agarda por unha moza que chega en tren á estación de Austerlitz. Camiñan ata a casa gozando do paseo parisiense. Son traballadoras e traballadores de Galicia (porteiras, xastres...) nunha gran cidade europea, cuns dereitos laborais que se defenden cada primeiro de maio. Son traballadoras e traballadores que no verán regresan con esperanza a Galicia. Son momentos de loita e de cambios.

Carlos Asorey foi un traballador audiovisual nado na vila de Vila de Cruces e migrante en París. De rapaz, trasládase coa familia a Compostela para estudar bacharelato no IES Arcebispo Xelmírez. Logo de rematar, decide emprender estudos en Madrid de Filosofía na Universidade Pontificia de Comillas, onde coincide con Torres Queiruga, Rivas Troitiño ou Lois Caeiro. Son os últimos anos do franquismo e Carlos frecuenta amizades que o fan temer pola súa seguridade. Daquela, a comezos dos 70, exíliase en París, cidade na que alimenta o seu interese pola filosofía asistindo a cursos libres da nova Universidade de Vincennes e na que tamén comeza a estudar cine. É un asiduo da Filmothèque, onde desenvolve paixón por Godard, Wajda, Ferreri ou Pasolini. Nese período chega a traballar co cineasta chileno exiliado Raúl Ruiz. Tamén é moi participativo en faladoiros parisienses (con A. García Calvo ou Ramón Chao, entre outros) e, sobre todo, no asociacionismo galego, unha vez que entra en contacto coa Asociación Cultural “O Toxo”, a través da que canaliza a súa simpatía co PCG. 

Nesta proxección contaremos coa presentación de Xaime Varela, historiador e investigador sobre a figura de Carlos Asorey.

 

 

Duración: 
40 MIN
Acceso: 

Entrada de balde previa retirada de convite


Bono 10 películas: 30 euros

Catálogo: 2 euros

INFO XERAL ENTRADAS

  • Para as proxeccións de todas as salas:
    • compostelacultura.gal
    • ZONA C. Punto de Información Cultural (Praza de Cervantes): de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h.
    • TEATRO PRINCIPAL: de 15.00 h ata a hora de inicio do último filme no Teatro Principal ou no Salón Teatro. 
  • En cada sala, para as proxeccións dese espazo:
    • NUMAX: de luns a sábado (excepto martes) de 10.30 a 14.00 h e de 16.00 a 20.30 h e os martes só de 16.00 a 20.30 h. Os domingos e calquera outro día fóra deste horario, abrirase o despacho de billetes 10 minutos antes do inicio da sesión. Neste despacho de billetes só se poderá pagar en efectivo
    • AUDITORIO DE GALICIA: dende media hora antes do inicio de cada sesión

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

Info práctica: 
Mércores, 19 Novembro, 2025
16:00
Salón Teatro