BANDA MUNICIPAL DE MÚSICA DE SANTIAGO
David Fiuza Souto, director
PROGRAMA
Manuel Otero PAINO [Loimil-A Estrada, 1982]:
ÁPEIRON [2022]
*Estrea absoluta
Raúl MARTÍN NIÑEROLA [Lliria-Valencia, 1983]:
IACOBUS -Symphony No.1- [2020]
1. El apóstol
2. La batalla de Clavijo
3. La catedral
*Estrea galega
Miguel RUEDA CARPIO [Torredonjimeno-Jaén, 1983]:
SINFONÍA GALEGA [2020]
*Estrea absoluta
Israel QUINTÁS ALONSO [Vigo, 1985]:
A PEDRA MOURA [2016]
Dentro do Ciclo Sinerxías incluído na temporada 2021/22 titulada Camiños Sonoros, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela ofrece un programa de música contemporánea de autoría ou temática integramente galega, con azos de poñer en valor o patrimonio galego máis actual, e tamén de rachar o estereotipo de que a música galega que se toca nas bandas é maioritariamente tradicional ou popular.
Banda Municipal de Música de Santiago
É unha das máis antigas de Galicia, xa que naceu en 1848 e perdura nos nosos días. Como centro de formación de instrumentistas, a ela acudiron durante moitos anos os nenos acollidos na Casa Hospicio, paliando en parte as restricións educativas no ámbito musical que sufría a poboación infantil máis desfavorecida e que en moitos casos supuxo un medio de vida para moitos deles. Durante os primeiros anos é unha agrupación de afeccionados, ata que en 1876 o Concello decide facerse cargo dela e comeza a profesionalizarse. Nesa época redáctase un regulamento para o seu funcionamento. Unha das súas actividades máis importantes eran os concertos, denominados paseos, na Alameda ou na Rúa do Vilar, o que supón o traslado da música dos seráns privados a un ámbito público onde pode gozar del a cidadaní de todos os estamentos sociais. Actúa tamén nas festas e nas procesións de Semana Santa. Na actualidade realiza os seus concertos no Teatro Principal e Auditorio de Galicia, Praza da Quintana, Praza das Praterías, Alameda e outros lugares e barrios da cidade na temporada de verán. Conta con 36 compoñentes e a súa actividade baséase fundamentalmente nos concertos dominicais ao longo de todo o ano, concertos de verán os xoves e domingos, concertos didácticos en período lectivo nos que participan centos de escolares de Santiago e da bisbarra, intercambios e actos culturais e protocolarios.
David Fiuza Souto
David Fiuza Souto (Vila de Cruces-Pontevedra, 1985) inicia os seus estudos de música na escola da Banda Artística de Merza. Con 15 anos comeza estudar dirección co mestre Marcel van Bree e posteriormente fórmase principalmente cos mestres Jan Cober e José Rafael Pascual Vilaplana. Obtén o Grao Superior de Clarinete no Conservatorio Superior de Música de Vigo, o Grao Superior “Bachelor” de Dirección de Banda no Conservatorium Zuyd Muzik de Maastricht (Holanda) e o Grao Superior de Dirección de Orquestra e Coro no Conservatorio Superior “Joaquín Rodrigo” de Valencia; tamén realizou estudos superiores de composición. Foi director titular da Banda Unión Musical de Meaño (2007-2013), Banda Sinfónica do CIM “La Armónica” de Buñol (2014-2017), Mallorca Saxophone Ensemble (2012-2017), Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas (2016-2017), Banda Artística de Merza (2017-2019), Banda de Lalín (2019-2021), Banda Municipal de Lugo (2021, en excedencia). En calidade de director convidado ten dirixido: Banda Municipal de A Coruña, Banda Municipal de Santiago, Banda Sinfónica Municipal de Madrid, Banda Municipal de Palma de Mallorca, Norwegian Wind Ensemble, Runfunk Blaserorchester Leipzig, Banda Municipal de Pontevedra, Banda Municipal de Ourense, Orquestra Sinfónica da Companhía Portuguesa da Ópera, Orquestra Filharmónica de Pontevedra, Orquestra do CIM La Armónica de Buñol, Orquestra Xoven Vigo 430, Camerata Arven, Serenade Ensemble, Cor Valencià de Clarinets, e diversas bandas amateur e agrupacións sinfónicas de proxectos pedagóxicos en Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana e Portugal. Actualmente é director titular da Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela (2021) e da Gran Canaria Wind Orchestra (2016).