AS NOITES DO PATRIMONIO 2026

DATOS BÁSICOS

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España celebra un ano máis As Noites do Patrimonio, unha iniciativa compartida polas cidades españolas recoñecidas pola UNESCO que convida a redescubrir os seus espazos históricos e culturais desde novas perspectivas.

O Concello de Santiago súmase á celebración cunha ampla programación que procura achegar a riqueza patrimonial á cidadanía, fortalecer o sentimento de pertenza e promover un xeito máis participativo e creativo de habitar a cidade, entendendo o patrimonio non só como aquilo que recibimos do pasado, senón tamén como aquilo que continuamos construíndo no presente.

A programación articúlase arredor de tres eixes: Patrimonio Aberto, Patrimonio ao Vivo e Patrimonio Agora. Tres perspectivas complementarias para abrir e descubrir espazos históricos, poñelos en diálogo coa creación artística e achegarse ás persoas, aos oficios e aos lugares que continúan enriquecendo o patrimonio cultural de Compostela.

PATRIMONIO AO VIVO

A programación comezará o venres 11 de setembro, ás 19.00 horas, no Auditorio de Galicia, co faladoiro Uti et Abuti (o uso e o abuso), de Roger Bernat. Unha conversa aberta sobre o patrimonio, a herdanza cultural e a capacidade da arte para cuestionar e transformar os seus símbolos. O acceso será de balde ata completar capacidade.

O encontro servirá como antesala de La consagración de la primavera, que Roger Bernat presentará o sábado 12 na praza da Quintana, cun único pase ás 22.00.  O artista e director propón unha reinterpretación da histórica coreografía de Pina Bausch sobre a música de Stravinski, un auténtico monumento do repertorio contemporáneo da danza. Nesta proposta, o público deixa de ser espectador para formar parte dunha experiencia colectiva que convida a preguntarse que significa conservar as obras mestras que recibimos como herdanza.

A participación no espectáculo é de balde, pero, polas súas características e capacidade limitada, é preciso retirar previamente entrada en compostelacultura.gal.

A música percorrerá tamén as rúas e espazos da Noite do Patrimonio coa Real Banda de Cadeiras Encartables, mentres que ás 21.00 horas, na praza de Cervantes, os Troyanos de Compostela ofrecerán un concerto homenaxe a Alejandro Pérez Lugín no centenario do seu pasamento.

PATRIMONIO ABERTO

A noite do sábado permitirá acceder a diferentes espazos históricos e culturais da cidade.

Entre as 20.00 e as 23.00 horas, o Pazo de Xelmírez e a Torre da Carraca protagonizarán un percorrido guiado con pases cada vinte minutos e unha duración aproximada de 30 minutos. A reserva realizarase por orde de chegada.

Tamén se poderá visitar a Casa da Troia, coincidindo co centenario do pasamento do escritor e xornalista Alejandro Pérez Lugín. Haberá pases cada 45 minutos entre as 20.00 e as 23.00 horas, con reserva previa.

Entre as 20.00 e as 23.30 horas abrirán ademais as súas portas o Pazo de Xelmírez, o Colexio de Fonseca, a igrexa de San Martiño Pinario-Museo Diocesano e a Zona C, antiga Casa do Concello.

A Casa do Cabido acollerá a exposición A cidade que se soñou a si mesma. Arquitectura rexionalista dos anos 20 e 30 do século XX, mentres que a Casa RIA, no antigo sanatorio de Santo Agostiño, abrirá fóra do seu horario habitual. A Cantina transformarase nun bar de viños e haberá unha visita guiada ás 21.30 horas, con reserva previa.

PATRIMONIO AGORA

Porque o patrimonio tamén se crea no presente, entre as 20.00 e as 23.30 horas abrirán as súas portas diferentes espazos de arte e obradoiros de artesanía da cidade.

Participarán Mareiras-Espazo de Arte (Preguntoiro, 9), Kinga Haudek (San Pedro, 83), Brigantia Ourivaría (San Pedro, 79) e Susi Gesto-Ourivaría (Algalia de Abaixo, 9).

No obradoiro de Susi Gesto será posible participar na creación dunha peza colectiva, actividade para a que será necesaria reserva previa.

Con esta programación, Compostela propón unha noite na que o legado histórico, a creación contemporánea e os oficios dialogan para construír un patrimonio vivo e compartido, favorecendo que a cidadanía descubra e faga seus os espazos que conforman a memoria e a identidade da cidade.

INFO PRÁCTICA

Venres 11 e sábado 12 de setembro de 2026
Varios lugares
Actividades de balde. Algunhas propostas requiren entrada ou reserva previa.

Acceso: 

INFO PRÁCTICA

11 e 12 de setembro de 2026

Diferentes espazos da cidade.

Todas as actividades son de balde, aínda que algunhas propostas requiren entrada ou reserva previa.


La consagración de la primavera – Roger Bernat

Sábado 12 | 22.00 | Praza da Quintana

Entrada de balde con retirada previa en compostelacultura.gal.

Visita guiada á Casa da Troia

Sábado 12 | 20.00–23.00 h | Pases cada 45 min

Reserva previa: visitas@lacasadelatroya.gal

Visita guiada á Casa RIA

Sábado 12 | 21.30 h

Reserva previa: eventos@casaria.org

Creación dunha peza colectiva con Susi Gesto

Sábado 12 | Susi Gesto-Ourivaría (Algalia de Abaixo, 9)

Reserva previa: susigestoobradoiros@gmail.com

O resto das actividades son de acceso libre ata completar capacidade.

Info práctica: 
Venres, 11 Setembro, 2026
Auditorio de Galicia
Sábado, 12 Setembro, 2026
Varios lugares