CINEUROPA
MESA DEBATE: O ACTOR'S STUDIO E A REVOLUCIÓN DA INTERPRETACIÓN + PROXECCIÓN
Como complemento ao ciclo de 21 películas da sección 'O actor's studio, deuses e monstros na revolución das emocións' –algunhas delas inéditas no noso país– celebramos unha mesa de debate arredor do que supuxo o Actor’s Studio como revolución dos actores, limitada, ao principio, aos Estados Unidos. Isto é, a Hollywood e a Broadway.
Na mesa contaremos con Javier Rebollo, un dos máis relevantes directores do cinema español actual, que presentará na sección oficial do festival a súa máis recente película, En la alcoba del sultán. Rebollo achégase no seu cinema máis a unha idea bressoniana da dirección de actores. Por iso vai ser ben interesante coñecer a súa visión dos actores do método. Participarán tamén na mesa Martin Pawley, director, produtor e mais teórico do cinema, de quen podedes ler os seus textos en Nós Diario e en Caimán, e Xosé Manuel Sande, historiador e programador cinematográfico.
Tras o debate, proxección de Baby Doll (Elia Kazan, 1956)
BABY DOLL (1956)
Elia Kazan
Estados Unidos / 114 min / Ficción / Inglés
Ficha artística:
Karl Malden, Carroll Baker, Eli Wallach
Ficha técnica:
Guión: Tennessee Williams. Baseado nunha obra de T. Williams
Fotografía: Boris Kaufman
Edición: Gene Milford
Produción: Elia Kazan, Tennessee Williams
Sinopse:
Archie Lee Meighan é un home de mediana idade en decadencia. Leva dous anos casado con Baby Doll, con que non consumou o matrimonio por unha promesa que lle fixera ao seu sogro falecido. Cando a situación financeira de Archie empeora, decide prenderlle lume á plantación de algodón do seu rival, o siciliano Silva Vacarro. Mentres que comezan a xurdir sospeitas sobre a súa culpabilidade, Silva seduce a Baby Doll para que confese a verdade.
Catro nominacións nos Óscar 1957
Mellor dirección e actriz revelación máis prometedora (Carroll Baker) nos Globo de Ouro 1957