MESA DE DEBATE: A FOLGA DE ACTORES E ACTRICES DE 1975

DATOS BÁSICOS

CINEUROPA

ACTIVIDADES PARALELAS

MESA DE DEBATE: A FOLGA DE ACTORES E ACTRICES DE 1975 + PROXECCIÓN DE "SIETE DÍAS DE ENERO"

En medio da efervescencia disidente e das loitas políticas e sociolaborais dos últimos estertores da ditadura franquista, xorde, resultado dun proceso activo acumulado de tempo, a folga de actores e actrices de 1975 en España. Unha folga xeral unitaria e de enorme seguimento, desenvolvida entre o 4 e o 12 de febreiro —un período especialmente tenso e represivo—, capaz de abarcar a todo o mundo do espectáculo e provocar desde suspensións nos teatros de Madrid ata cancelacións de sesións de rodaxes e programas de TVE.

A folga vai formular de xeito audaz un tempo de reivindicación en forma de petición dunha serie de melloras (aumento salarial, un día de descanso semanal, a función diaria única no teatro, o cobro polos ensaios…), posibilitando como consecuencia a impugnación das estruturas do sindicato vertical sectorial franquista. O aparato represor franquista non vai defraudar: detencións (de Rocío Dúrcal, José Carlos Plaza e Tina Sainz a Pedro Mari Sánchez), ameazas e severas multas, o que desencadea unha gran corrente de solidariedade internacional. Entendido como un suceso histórico menos susceptible de recoñecemento do que debera, representa ademais o xerme de moitos cambios laborais na profesión, constituíndo un auténtico e memorable punto de inflexión.

José Manuel Sande

Interveñen:

Petra Fernández | Actriz

José Manuel Sande | Historiador e programador cinematográfico

Modera: José Luis Losa | Director de Cineuropa

Despois da mesa redonda, proxectarase o filme Siete días de enero (1979). A regresión reaccionaria ou a ameaza ultra aparecen nesta película de Juan Antonio Bardem, un filme no que o realizador de Muerte de un ciclista se aproxima á matanza dos avogados laboralistas de Atocha dun xeito atípico: un relato artellado desde a propia perspectiva dos asasinos de extrema dereita. 

SIETE DÍAS DE ENERO (1979)

Juan Antonio Bardem

España, Francia / 124 min / Ficción / Español

Ficha artística:

Manuel Ángel Egea, Fernando Sánchez Polak, Madeleine Robinson, Virginia Mataix.

Ficha técnica:

Guión: Juan Antonio Bardem, Gregorio Morán

Fotografía: Leopoldo Villaseñor

Edición: Guillermo S. Maldonado

Produción: Alain Coiffier, Serafín García Trueba, Jean—Loup Puzenat

Sinopse: Reconstrución dos tráxicos acontecementos ocorridos en España no mes de xaneiro de 1977: o atentado dun grupo de ultradereita contra un despacho de avogados laboralistas vinculados ao Partido Comunista, no que morreron catro letrados e un administrativo, e quedaron gravemente feridos outros catro avogados. A matanza foi reivindicada pola Triple A (Alianza Apostólica Anticomunista) e formou parte dun intento de desestabilización da recentemente inaugurada democracia española.

 

 

Duración: 
180
Acceso: 

Entrada libre ata completar capacidade

  • Para as proxeccións de todas as salas:
    • compostelacultura.gal
    • ZONA C. Punto de Información Cultural (Praza de Cervantes): de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h.
    • TEATRO PRINCIPAL: de 15.00 h ata a hora de inicio do último filme no Teatro Principal ou no Salón Teatro. 
  • En cada sala, para as proxeccións dese espazo: 
    • NUMAX: de luns a sábado (excepto martes) de 10.30 a 14.00 h e de 16.00 a 20.30 h e os martes só de 16.00 a 20.30 h. Os domingos e calquera outro día fóra deste horario, abrirase o despacho de billetes 10 minutos antes do inicio da sesión. Neste despacho de billetes só se poderá pagar en efectivo
    • AUDITORIO DE GALICIA: dende media hora antes do inicio de cada sesión

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

Info práctica: 
Sábado, 15 Novembro, 2025
17:30
NUMAX
MULTIMEDIA

7 días de enero - Clip