'MERCADO 2008 - 2018' RAFA PASADAS

Zona C. Punto de información cultural
DATOS BÁSICOS

“Hai que fotografar o que amamos” Manuel Outomuro

Rafa Pasadas chega a Santiago de Compostela en 2008 e comeza a facer fotos no mercado ao mes de chegar. Esas primeiras fotografías convertéronse nun proxecto amplo e profundo que conta a vida dun mercado no que el facía a compra, falaba cos paisanos e pasaba a formar parte, coa súa cámara, de todo o que ofrecía.

Esta exposición recolle unha coidada escolma das fotografías que Pasadas realizou na praza de abastos durante eses dez anos: "Durante moitos anos estiven cociñando na casa o peixe, os mariscos, as verduras e as carnes que traia do mercado, case a diario, coas mesmas ganas e case da mesma maneira que ‘cociñaba’ os carretes de negativos para revelar as fotos que tamén traía do mercado na miña cámara."

A elección do branco e negro e o positivado do autor mediante técnicas químicas tradicionais ispen a imaxe e concentran a mirada no cotián.

O mercado de abastos de Santiago é, sen dúbida, un mercado vivo. É expresión pura da gastronomía dunha terra que pon en valor os seus manxares e onde a xente sente ese orgullo propio polos seus productos.

O autor dálles significado aos homes e mulleres que conforman a paisaxe do mercado: "Pasear por el non só permite encontrar produtos únicos senón xente incrible, mulleres e homes extraordinarios, persoas con valores sobre o esforzo, o traballo e a perseveranza raros de atopar hoxe en día.” Especialmente ás mulleres: "Admirei as mulleres que traen os seus produtos elaboradas da súa casa (...) Veñen cada mañá da súa aldea, moitas veces collendo un autobús, cargando coas súas cestas na cabeza, para vender as verduras que cultivaron, os queixos que elaboraron (...) Mulleres que traballan na casa e na terra, que traballan no mercado, que seguramente sexan as que levan adiante a súa familia. Mulleres valentes, fortes, emprendedoras."

Rafa Pasadas relata así unha praza de abastos que presume de ser centro neurálxico da cidade: "Non hai ninguén que non pase por aí. Non importa a súa condición social, que sexan maiores, xente nova, empresarios, estudantes, artistas, xente de aldea, urbanitas..., non podemos esquecer que é na praza onde se atopan o campo e a cidade."

Rafa Pasadas, Sevilla, 1980. Fotógrafo sevillano, licenciado en filosofía, reside dez anos en Santiago de Compostela onde estuda fotografía na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo. Traballa nesa época como fotorreporteiro, profesor de fotografía, director e realizador de audiovisuais, musicais entre outros. Expón os seus traballos, individual e colectivamente, no ámbito nacional e internacional. Actualmente é profesor de fotografía na rede de escolas de arte públicas de Andalucía.

 RAFA PASADAS

MARCOS PIN

CUARTO PEXIGO (LIBRO)

 

 

 

 

Entradas: 

HORARIO Zona C. Punto de Información Cultural

Pechada o 17 de maio Día das Letras Galegas

  • De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h
  • Tel.: 981 542 462
Funcións: 
Sábado, 18 Febreiro, 2023 a Sábado, 27 Maio, 2023
12:00
Zona C. Punto de información cultural