Pablo Carpinteiro Arias, presentador e músico
Rosa Sánchez, cantadora e percusionista
(Música tradicional)
23 de febreiro ás 10.00 e 12.00 h
24 de febreiro ás 10.00 h
Idade recomendada: 3º a 6º Primaria
24 de febreiro ás 12.00 h
Idade recomendada: ESO e Bacharelato
Duración: 60 min
Lingua: galego
Neste concerto didáctico empréganse 43 instrumentos musicais galegos diferentes usando un fío condutor que consiste en explorar o paralelismo entre a evolución da nosa especie e o desenvolvemento físico e musical dun neno e unha nena galegos. É un concerto que corresponde a nova disciplina da biomusicoloxía.
Explicamos como se desenvolvían as vidas musicais de nenos e de nenas dentro da nosa cultura tradicional e imos vendo como cada proceso ten unha base relacionada coa nosa evolución como especie e coa nosa bioloxía e psicoloxía. Tamén repasamos os comportamentos musicais dos adultos e exploramos a súa importancia para o mantemento das nosas sociedades. Explícanse as últimas teorías sobre á aparición e importancia da música na especie humana, como a da musilingua ou a influenza do desenvolvemento fetal e da selección sexual nos comportamentos musicais.
Expoñemos a nosa teoría da orixe infantil dos instrumentos musicais a través da comparación dos instrumentos que fabricaban e tocaban os nosos nenos/as e os achados nas escavacións paleolíticas. Tamén afondamos e recalcamos a enorme importancia das mulleres na música humana, na organización das nosas sociedades antes do patriarcado e na xeración de cohesión social a través da música que elas facían.