AS NOITES DO PATRIMONIO · ESCENA PATRIMONIO
A Praza da Quintana acolle a versión que Roger Bernat realizou en 2010 dunha das grandes obras da historia da danza. Creada por Pina Bausch en 1975 sobre a célebre partitura de Igor Stravinski, estreada en 1913, La consagración de la primavera converteuse nun auténtico monumento do repertorio contemporáneo.
Roger Bernat ofrece, no marco da Noite do Patrimonio, unha reinterpretación radical do clásico que convida a preguntarse que significa, precisamente, conservar as obras mestras que nos foron encomendadas. En lugar de reproducir fielmente o orixinal ou de engadir unha visión «persoal» á longa historia das consagracións, Bernat propón unha operación inversa: despoxa a obra daquilo que parecía sostela para deixar que sobreviva habitada exclusivamente por fantasmas.
O chan de pedra da Praza da Quintana simboliza a natureza en estado puro e a morte. As persoas que bailan parecen estar á mercé de forzas superiores, inmersas nunha loita arcaica, case animal. Os corpos trementes son presa dunha tensión extrema e visceral. A coreografía explora temas como a colectividade e o sacrificio, e cuestiona a responsabilidade individual dentro dos sistemas colectivos. O público pasa de ser espectador a actor nun mecanismo que quizais non comprenda de todo, pero que o confronta co papel que cada persoa desempeña dentro do grupo.
Lida no contexto das Noites do Patrimonio, a peza non fala unicamente de danza, senón da propia natureza do patrimonio: un legado só existe mentres haxa unha comunidade disposta a asumir a responsabilidade —e o risco— de facelo seu. Porque quizais a maior ameaza para unha obra mestra non sexa transformala, senón conservala ata convertela nun meme cultural.
Roger Bernat
Roger Bernat / FFF (Barcelona) crea proxectos de teatro colaborativo que implican os corpos do público. Aínda que a maioría destes proxectos se desenvolveron en contornos teatrais, na última década foron producidos por institucións como Documenta Kassel e a Bienal de São Paulo.
Algunhas das súas obras inclúen Domini Públic (Teatre Lliure, Barcelona, 2008), O rito da primavera (Teatro Milagro, México, 2010), Por favor, continúe: Hamlet (con Yan Duyvendak. Théâtre du Grütli, Xenebra, 2011), Pendiente de voto (Centro Dramático Nacional, Madrid, 2012), Desplazamiento del Palacio de La Moneda (STML, Santiago de Chile, 2014), Numax-Fagor-plus (KunstenFestivalDesArts, Bruxelas, 2014), Necesitamos falar (Temporada Alta, Xirona, 2015), Non se gravan conversas de interese (MUCEM, Marsella, 2016–17), O lugar da cousa (Documenta 14, Atenas–Kassel, 2017), Flam (Festival Grec 2019), ENA (Teatre Lliure, 2020), Desnonissea (CASM, 2021), PIM PAM (34ª Bienal de São Paulo, 2021), Terra Baixa (Teatre Lliure, 2022), Dormifestació (Fira Tàrrega, 2022) e La Scelta (Kilowatt Festival, Sansepolcro, 2023). Entre os premios que recibiu, destaca o Premio Sebastià Gasch de 2017. En 2009, coeditou, xunto con Ignasi Duarte, o libro *Querido Público. El espectador ante la participación: jugadores, usuarios, prosumers y fans* (CENDEAC, Murcia). Os seus artigos pódense atopar en Joined Forces, audience participation in theatre (Alexander Verlag, Berlín) e Teatro relacional (Ed. Fundamentos, Madrid), entre outros.