(...) facémolo co corpo
como cando medimos a altura dos fentos (...)
Chus Pato, La puerta natural. Libros de la resistencia. Madrid, 2023(*).
Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres recolle o traballo dun importante número de artistas, capaces de sustentar por si mesmas un relato en relación á historia da performance dende finais dos anos sesenta, cando este tipo de linguaxe se desenvolve con forza. A performance emerxe como unha das formas de creación máis interesantes, intensamente vinculada á necesidade de volver unir as prácticas artísticas coa vida, e asumir novos compromisos sociais, algo que a arte esquecera dende os realismos de finais do século XIX. A performance aparece tamén como consecuencia da loita das mulleres artistas por entrar nas institucións, sendo o seu carácter efémero o que facilitaría a súa presenza nos espazos da arte.
En Facémolo co corpo, fixemos unha selección de obras a través da cal poder falar da performance en Galicia, protagonizada en gran parte por mulleres que tiveron presenza nas programacións de institucións e festivais, e tamén en exposicións e eventos independentes durante as últimas décadas. Algunhas delas son galegas, outras, contribuíron co seu traballo á formación dos públicos e das artistas que teñen nas artes performativas o seu maior campo de expresión dentro do noso territorio.
Dicía Judith Butler que «O xesto pode ser unha forma de resistencia e de subversión.» Esta afirmación, ancorada na súa teoría da performatividade, ofrece unha clave de lectura para a exposición: o xesto, lonxe de ser unha expresión secundaria, constitúe unha ferramenta crítica que des-estabiliza a lóxica normativa do visible e do dicible. Nas accións das artistas aquí presentes, o corpo aparece como lugar de axencia política, capaz de producir sentido máis alá da linguaxe verbal e de intervir activamente nos marcos de representación dominantes.
A performance perfílase a partir dos anos sesenta como unha arte aliada no desenvolvemento do feminismo, nas reivindicacións das minorías étnicas, ou dos colectivos desfavorecidos ou invisibilizados, nun momento marcado tamén polo auxe dos estudos multiculturais. O corpo, a cuestión de xénero, a raza, ou a relixión, convértense en temas centrais do traballo de numerosas artistas. Ao mesmo tempo nas décadas posteriores cuestións de gran impacto social como a Guerra de Vietnam ou a crise da sida vólvense temas centrais nestas prácticas. Por outra banda, a irrupción do territorio como lugar para a experiencia artística, inspirou propostas que souberon unir a idea da performatividade ao espazo natural. Tamén importante foi a introdución da experiencia do tempo e o espazo, dunha serie de obras de carácter aparentemente escultórico pero que requirían do espectador a creación dun percorrido propio, una experiencia íntima e sensorial, de carácter eminentemente práctico que marcou o desenvolvemento de moitas prácticas.
Neste relato é imprescindible dar un paso atrás e lembrar que os inicios da performance, habitualmente atribuídos ao Cabaret Voltaire fundado en 1916 en Zúric, tamén levan a pegada de dúas mulleres fundamentais: Emmy Hennings e Sophie Taeuber-Arp. Hennings, performer, poeta e co-fundadora do cabaré, encarnou unha práctica radical onde o corpo e a voz funcionaban como ferramentas de disidencia e supervivencia. A súa figura, frecuentemente eclipsada pola de Hugo Ball, representa unha das primeiras intervencións performativas conscientes na Europa de entre guerras. Pola súa banda, Taeuber-Arp introduciu no Dadá unha linguaxe escénica baseada na abstracción, a danza e a máscara, abrindo camiños cara a unha corporeidade simbólica que influiría decisivamente nas vangardas do século XX. O seu papel no desenvolvemento do dispositivo performativo foi tan decisivo como subestimado, evidenciando así que a historia da performance nace tamén do xesto feminino, do risco e da invención silenciada. Nesta liña xenealóxica, é preciso recuperar en Galicia a figura da galega Maruja Mallo. As súas fotografías performativas realizadas nas praias de Chile en 1945 son paradigma disto, constituíndo un antecedente esencial dunha poética do corpo e da natureza que rexeita as normativas de xénero e os códigos da representación tradicional. Mallo aparece nesas imaxes como suxeito emancipado, en diálogo cos elementos, e a súa figura conectaría no futuro cunha longa tradición de artistas galegas que empregan o corpo como ferramenta de insumisión.
Nos seus desenvolvementos a performance vese afectada cos recursos da literatura, o cine, o teatro, a danza, ou os espectáculos musicais e teatrais. En Facemolo co corpo, propoñemos unha viaxe dende a que achegarnos á performance como arte de acción a través de diferentes propostas.
Artistas participantes: Marina Abramović (Belgrado, 1946), Pilar Albarracín (Aracena, 1968), Rosana Antolí (Alcoi, 1981), Teresa Búa (Muxía, 1991), Esther Ferrer (Donosti, 1937), Dora García (Valladolid 1965), Ana Gesto (Santiago de Compostela, 1978), Amaya González Reyes (Sanxenxo, 1979), Maider López (Donosti, 1975), Anna Maria Maiolino (Scalea, 1942), Teresa Margolles (Culiacán, 1963), María Marticorena (A Coruña, 1977), Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978) Ana Mendieta (La Habana, 1948 - Nueva York, 1985), Olga Mesa (Avilés, 1962), Itziar Okariz (Donosti, 1965), Mery Pais (Santiago de Compostela, 1990), Alejandra Pombo Su (Santiago de Compostela, 1979), La Ribot (Madrid, 1962), Verónica Ruth Frías (Córdoba, 1978), Neves Seara (Ourense, 1983) e Verónica Vicente (Tomiño, 1988).
*Durante o ano 2021 Rodríguez-Méndez enviou periodicamente a Chus Pato un caderno impreso á súa dirección postal. Cada caderno contiña cen obras inéditas e outras producidas, así como textos do artista. A poeta fixo unha selección de proxectos que tratan e investigan ao concepto da morte. Este libro reproduce os textos e as obras escollidas así como nove poemas que Chus Pato escribiu, un por caderno, para La puerta natural. A súa vez, o libro xurde dunha performance que tivo lugar o venres 17 de xuño de 2022 dentro da programación de Plataforma, Festival de artes performativas. Despois do convite a participar no festival, o artista Rodríguez-Méndez propón a Chus Pato ler as notas tomadas por ela sobre os cadernos recibidos durante o 2021. Ao rematar cada caderno, a poeta lía unha das ondinas recollidas no libro sobre o escenario do Teatro Principal de Santiago de Compostela. A acción tivo unha duración de catro horas durante as que o acceso ao teatro estivo aberto a quen quixera entrar.
Comisariado: Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo
Mónica Maneiro Jurjo (Santiago de Compostela, 1976) é licenciada en Historia da arte por la USC. Realizou cursos de doutoramento en Crítica e Estética na Universidade Complutense de Madrid (2005), e obtivo o título de Máster en Museoloxía, Crítica e Arte Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (2010). Entre 2010 e 2016 desenvolve o seu traballo na empresa editorial e de xestión cultural DARDO, facendo proxectos culturais e de comisariado. Foi redactora do portal dixital de noticias DARDOnews entre 2011 e 2017 e coordinadora editorial de DARDOmagazine entre 2010 e 2014, ano no que asume a dirección xunto a Fernando Agrasar. Entre 2014 e 2016 dende DARDO foi responsable da programación expositiva do Centro Torrente Ballester de Ferrol comisariando diversos proxectos. En 2017 incorpórase ao equipo de Fundación DIDAC no Departamento de exposicións. Actualmente traballa activamente como comisaria e xestora cultural independente. É directora artística da Fundación DIDAC en Santiago de Compostela dende 2024 e co-directora de Plataforma. Festival de artes performativas dende 2020. É socia na Cooperativa Performa dende a que desenvolve proxectos de comisariado e produción artística ao tempo que realiza os seus traballos en solitario. Entre as súas últimas exposicións destacan Far Away Water Won´t Save Closeby Fire de Francisca Aires Mateus, Fundación DIDAC (2025); The End de Carlos Aires, Fundación DIDAC (2025); Lei eterna de Mery Pais, Fundación DIDAC (2024-2025); Wunderkammer de Suso Fandiño, CGAC (2022); Devolver el fuego, Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque de Madrid (2022) entre outras. É colaboradora especializada en arte contemporánea no programa Diario Cultural da Radio Galega dende 2023 e na revista Segno na súa edición España dende comezos de 2025.
Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é licenciado en Historia da Arte Contemporánea pola Universidade de Santiago, completando a súa formación no Instituto de Estética e Teoría de las Artes da Universidade Autónoma de Madrid. Despois do seu paso polo CGAC, o Auditorio de Galicia e Casa Asia en Barcelona foi director do MARCO de Vigo entre 2005 e 2017. Foi presidente de ADACE, Asociación de Directores e Directoras de Museos de Arte Contemporáneo de España. Participou como xurado en numerosos certames como o Premio Nacional de Artes Plásticas ou o Velázquez entre moitos outros. Dende 2016 é membro do Premio Cervezas Alhambra e formou parte do comité de compras de DKV. Dende 2024 forma parte do comité de adquisicións de Es Baluard, o Museu d'Art Contemporani de Palma de Mallorca. Como comisario acaba de presentar en Casal Solleric de Palma de Mallorca a exposición de Ángela de la Cruz titulada Stuck e está desenvolvendo o ciclo de exposicións Infiltracións no Museo de Pontevedra, coas mostras de Marta Pazos e Ira Lombardía en 2025, despois das realizadas por Mónica Alonso e Alberto Baraya en 2024. Presentou a exposición e ciclo de performances Lazos mecánicos no Museo Artium de Vitoria (2024), proxecto que repetirá en outubro de 2025. Recentemente foi comisario das exposicións E agora para onde vou? de Vasco Araújo na Fundación DIDAC (2024), Océano mar no Centro Cultural Condeduque de Madrid (2023), El bosque del Prado (2022) de Maider López no Real Jardín Botánico de Madrid, Sons improbábeis (2022) e Mirar o son (2020) no Auditorio de Galicia e La Ribot. Manual de uso (2020) no CGAC. Acaba de ser nomeado Comisario de Artes Vivas da recuperada Bienal de Pontevedra para este verán de 2025 e presentará a exposición Transbordo en Cerveira, Portugal en xullo de 2025.
PERFORMA. A Cooperativa Performa está formada por Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo. Dirixe Plataforma, o festival de artes performativas do que se acaba de celebrar a sexta edición en Santiago de Compostela e se prepara a segunda edición para o vindeiro mes de outubro en Santander, con artistas como Janet Novás, Paula Quintas, Amaya González Reyes, Laia Estruch, Daniel García Andújar, Macarena Montesinos, Alejandra Pombo Su, Berio Molina, Rodríguez-Méndez, Carme Nogueira, Olga Mesa, Antón Reixa, Pilar Albarracín, Marta Fernández Calvo, María Salgado e Fran MM Cabeza de Vaca, Cabello/Carceller, Loreto Martínez Troncoso, Vertixe Sonora, ou La Ribot entre moitos outros participantes. Entre os seus proxectos realizados figuran o comisariado das exposicións do ciclo Correspondencias, unha serie de mostras realizadas en Abanca, coas figuras de José María de Labra (2025) e Tino Grandío (2023) como protagonistas poñéndoos en relación con artistas das novas xeracións. Outros proxectos comisariados son O museo como escenario (2022); Accións peregrinas (2021) de Pilar Albarracín no CGAC; O mellor traballo do mundo de Cristina Garrido (2021) na Fundación DIDAC; Visións inéditas (2021) con Jaione Camborda, Xisela Franco, Lois Patiño e Alfonso Zarauza; Isidro Blasco no Centro Cultural CondeDuque; as intervencións de Nuria Mora (2021), Sandra Cinto e Albano Afonso (2022) en La Casa Encendida en Madrid. Entre outros proxectos a destacar figuran Mapeo (2024); Residencias In Situ que xa vai pola terceira edición, con Andrea Mosquera e Benxamín Otero (2024), Nuria Vil (2023) e Teresa Búa, Roi Fernández e Verónica Ruth Frías (2022); o ciclo de conferencias performativas Discursos en acción en NUMAX; Artes no territorio (2022), Desenfocar Fisterra (2021) e a sección de arte das dúas edicións do festival Esférica en Rioja Alavesa (2021 e 2022), do festival Deleste en Valencia (2022) e do festival 17º Ribeira Sacra (2023).