INAUGURACIÓN DE CURTOCIRCUÍTO 2021

DATOS BÁSICOS

A XIII edición do Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, CURTOCIRCUÍTO celébrase do 2 ao 10 de outubro en diferentes salas da cidade (Teatro Principal, Salón Teatro, Numax, Igrexa da Universidade, Sala Capitol e Museo das Peregrinacións).

 

Inaugúrase o 2 de outubro nun evento no que, despois das intervencións institucionais, proxectaremos o filme 'Eles transportan a morte'.

Curtocircuíto é unha iniciativa do Concello de Santiago de Compostela, co apoio da Deputación da Coruña, AGADIC Xunta de Galicia - Xacobeo 21-22 e ICAA. Tamén conta coa colaboración de Turismo de Santiago, Santiago de Compostela Film Commission, Secretaría Xeral de Política Lingüística, CREA, AGAG, RC Service, Gadis, Renault Caeiro, Cuarto Pexigo, D. Pedro Soutomaior, Cabreiroá, Galicia Calidade, Instituto Camoes, USC e ECAM.

 

Película inaugural - Longas x Curto - Eles transportan a morte

Creada en 2020, esta sección paralela está adicada a amosar algunhas das longametraxes máis interesantes do realizadas por autoras que o festival seguiu desde os seus inicios. Nesta decimoctava edición, Longas x Curto reúne tres apostas radicalmente diferentes de cineastas que abordan a ficción e o documental desde propostas incisivas e formalmente arriscadas. Desde a ficción histórica de Helena Girón e Samuel M. Delgado, que relata as desventuras duns mariñeiros fuxidos coas velas de Colón nas Illas Canarias, ata o repaso punk (en fondo e forma) de Kikol Grau á escena musical dos últimos corenta anos á que aínda lle doen as cicatrices do franquismo; ou a ópera prima de Erin Vassilopoulos, un thriller psicolóxico que se move entre referencias velvetienas ao David Lynch ou unha stoner movie, e onde dúas irmás xemelgas mesturarán as súas vidas nunha viaxe estática ao interior dos seus medos; nunha sección que pecha Guillermo Benet, cunha longametraxe inspirada en aquela curta seleccionada en Curtocircuíto 2018, nun asfixiante formato cadrado que reconstrúe o recordo borroso dunha noite de desaloxos e disturbios para abordar temas como a lealtada, a pertenza de grupo e a verdade. 

 

Eles transportan a morte

Elena Girón e Samuel Delgado | 2021 | 1:15:00 | España, Colombia | FIC | COR

1492. Entre a tripulación de Cristovo Colón viaxan tres homes que xa deberían estar mortos. Conseguiron evitar as súas condenas participando na incerta viaxe, pero ao chegar ás illas Canarias foxen cargados cunha das velas da embarcación. Mentres, no “Vello Mundo”, unha muller trata de salvar a súa irmá moribunda, coa esperanza de que unha curandeira poida axudala. Ambas as dúas viaxes tratan de burlar a morte. Ambas as dúas viaxes están a mercé do tempo e mais da historia.

Duración: 
75 MIN
Entradas: 
  • A clausura e a inauguración de CURTOCIRCUÍTO son de balde, previa retirada das entradas nesta páxina web ou no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural (Praza de Cervantes) desde dous días antes de cada evento. (ENTRADAS DISPOÑIBLES O XOVES 30 DE SETEMBRO ÁS 11.00 H)
  • Horario da Zona C. Punto de Información Cultural (Praza de Cervantes): de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h. Domingos de 11.00 a 14.00 h. Teléfono: 981 54 24 62.
  • MÁXIMO 2 entradas por persoa.

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

PROTOCOLO DE ACCESO A ESPECTÁCULOS PUBLICADO NA PORTADA

Funcións: 
Sábado, 2 Outubro, 2021
18:30
Teatro Principal