Homenaxe a Carlos López García-Picos
Real Filharmonía de Galicia
Maximino Zumalave, director
Javier Ares Espiño, piano
Alex Salgueiro, fagot
PROGRAMA
Darius Milhaud (1892-1974): O boi sobre o tellado, op. 58 (1920)
Carlos López García-Picos: Concerto para piano-fagot, cordas e percusión, A. 106 (2001) (Estrea absoluta)
Carlos López García-Picos: Sindy, A. 31 (1976)
A Real Filharmonía de Galicia conmemora o centenario do nacemento deste compositor galego quen desenvolveu gran parte da súa actividade en Bos Aires, onde contactou coa intelectualidade galega. En Francia, estudou na Schola Cantorum e no Conservatorio Nacional de París. Foi o principal impulsor, socio e membro de honra da Asociación de Compositores de Galicia e mantivo na capital arxentina un compromiso constante coa comunidade galega.
Real Filharmonía de Galicia
A Real Filharmonía de Galicia nace como un ambicioso proxecto cultural en Santiago de Compostela no ano 1996. Formada por 50 músicos e un equipo administrativo de 6 persoas, ten a súa sede permanente no Auditorio de Galicia. Paul Daniel é, desde 2013, o director titular e artístico da formación e Maximino Zumalave o seu director asociado. No ano 2020 Joana Carneiro incorpórase como principal directora invitada. Os obxectivos da RFG céntranse en difundir a música clásica en todo o territorio galego, buscando sempre as máis altas cotas de excelencia artística a través da colaboración con directores/as e instrumentistas do máis alto nivel e cun firme compromiso na estimulación do talento e a formación musical de nenos e novos.
Maximino Zumalave
Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmás Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.
Alex Salgueiro
Álex Salgueiro García (Madrid, 1984) é fagotista e contrafagotista na Orquestra Sinfónica de Galicia dende 2006 e colaborou con outras agrupacións como a Sinfónica de Navarra, Simfònica de les Illes Balears, a Filarmónica de Gran Canaria, a Real Filharmonía de Galicia, a do Gran Teatre del Liceu, ou a Orquestra Gulbenkian. Tamén actuou como solista coa Orquestra Gaos, o Taller Atlántico Contemporáneo e a OSG. Combina a vida orquestral cunha intensa actividade camerística con Zoar, grupo que no 2017 presentou unha dobre publicación de CD e partituras coa obra completa para quinteto de vento de Carlos López García-Picos, posteriormente presentada en Bos Aires. Recentemente completou un Mestrado en investigación musical na Universidade Internacional de Valencia cun traballo de investigación sobre o Concerto para piano-fagot deste mesmo compositor. É profesor do Centro Superior de Música de Galicia e impartiu cursos e clases maxistrais en cidades como Santiago de Compostela, Ourense, Cádiz, Pamplona ou Zaragoza.
Javier Ares
Javier Ares Espiño (Ourense, 1979) é Doutor pola USC e Catedrático de piano no CSM da Coruña. Comezou os seus estudos de piano en Betanzos con Carlos López García-Picos, continuando no Conservatorio Superior de Música da Coruña baixo a dirección de Natalia Lamas. Posteriormente ampliou os seus estudos no Centro Superior de Ensinanza Musical Katarina Gurska recibindo clases dos pianistas Alexander Kandelaki e Nino Kereselidze. Desenvolve unha ampla actividade como solista e como integrante de grupos de cámara en diversas formacións. É membro da Irmandade da Música Galega e do Grupo de Investigación Organistrum da USC, co que participou en varios proxectos I+D+i. Entre as súas publicacións destaca a monografía Carlos López García-Picos. Música a orillas del Atlántico (2016), co editada pola USC, Xunta de Galicia e Concello de Betanzos.