FESTIVAL PLATAFORMA 2023

DATOS BÁSICOS

Plataforma. Festival de artes performativas chega nesta cuarta edición a ser un dos festivais de referencia na cidade: unha cita cultural indeclinable para as primeiras semanas de xuño que conta co apoio do Concello de Santiago (CompostelaCultura).

Plataforma bríndase á cidade e quere ser patrimonio da mesma, proxectando o talento local, contextualizándoo e destacando a riqueza monumental compostelá. As diferentes localizacións axudan a coñecer distintos espazos e súmanse as accións performativas en colaboración con agrupacións locais, como a xa habitual apertura do festival coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, que nesta cuarta edición actuará da man de Antón Reixa.

O festival Plataforma comprométese coa riqueza patrimonial de Compostela, mais tamén coa súa diversidade e co fomento da igualdade e mantén unha preocupación pola sustentabilidade das súas propostas e pola promoción do talento local. Baixo a dirección da Cooperativa Performa o festival encaixa na rica programación cultural da cidade.

As accións performativas e escénicas permiten transformar Santiago de Compostela en escenario, convertendo a cidade e os seus habitantes nos protagonistas de cada actividade. As artes vivas, polo seu carácter integrador e participativo, pola súa ineludible contemporaneidade e pola súa capacidade de provocar a vivencia directa da creación no aquí e agora, son a canle idónea para comunicar a idea de cidade moderna, de territorio vivo, humano e saudable, que avanza cara o futuro pensando no fomento de valores como a igualdade, a integración social, a saúde, a educación en convivencia, a sustentabilidade, a ecoloxía e o respecto polo patrimonio, potenciando a cultura como eixo transversal que atravesa todos e cada un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable polos que aposta a Axenda 2030. Plataforma é un festival inclusivo que fomenta a colaboración entre artistas de diversas disciplinas e condicións, que promove o cruce de públicos diversos e interesantes conexións creativas.

Plataforma. Festival de artes performativas reuniu ao longo das súas edicións performances, música, danza, teatro, poesía, conferencias performativas, deseño e arte contemporánea en exposicións e accións capaces de unir o talento galego con profesionais de gran recoñecemento internacional. Con estreas absolutas de pezas de artistas, performances creadas especificamente para o festival ou accións poético-musicais inéditas, Plataforma situouse como unha recoñecida e valorada referencia no seu campo dentro do contexto ibérico.

Dirección de Plataforma Festival de artes performativas: David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo

FESTIVAL PLATAFORMA WEB

 

Entradas: 

Entrada libre

Funcións: 
Luns, 5 Xuño, 2023 a Xoves, 15 Xuño, 2023
Varios lugares