O Festival C volverá facerse coas rúas de Compostela do 4 ao 28 de agosto. A sexta edición levará a distintos espazos da cidade un regueiro de sesións de balde e para todos os públicos con circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes e noitiñas do verán. A praza da Quintana, o parque de Bonaval, o parque de Galeras, a Casa das Máquinas, a Alameda e a rúa Concepción Arenal serán os principais escenarios desta edición do festival.
Todas as actividades son de carácter gratuíto e acceso libre agás os obradoiros de circo para a rapazada que, malia ser tamén de balde, precisarán inscrición previa no enderezo circonoveoficina@gmail.com para garantir que non se superan as prazas dispoñibles en cada sesión.
O Festival C é unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como o Apego ou o circuíto Danza a Escena, do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM).
Descarga o programa e non perdas ollo á web e redes de Compostela Cultura para estares ao tanto dos cambios!