FESTA DO APEGO
O encontro máis agardado pola cativada apegueira celebrarase o sábado 27 de decembro, cando a música encha o Auditorio de Galicia, o tradicional escenario da Festa do Apego. Un ano máis e xa van nove, o ritmo, as harmonías, as melodías e, por suposto, as letras das cancións serán os elementos imprescindibles para unha gandaina sensorial coa que achegar a cultura e o lecer en galego aos e ás máis pequenas da casa para o goce de toda a familia.
Logo de comezaren as vacacións de Nadal, o Concello de Santiago de Compostela, a través do Departamento de Lingua Galega, quere agradecerlles a todas as familias do programa Apego a súa participación e compromiso ao longo do ano e, asemade, convidar outras novas a se sumaren a esta iniciativa que promove a transmisión interxeracional e a socialización no noso idioma da primeira infancia.
A programación comeza ás 12.00 e remata ás 20.00 h no Auditorio de Galicia. Haberá espazos para experimentar, así como citas artísticas en paralelo para podermos escoller entre moitas opcións durante toda esta xornada festiva. A entrada é aberta e de balde ata completar a capacidade en cada actividade.
PROGRAMACIÓN
PARA BEBÉS
Meco e Sono, de Xarope Tulú
Espazo: Escenario da sala Ángel Brage
Horario: Dúas sesións ás 12 h e ás 12.50 h
De 0 a 3 anos
Espectáculo de teatro de bonecos e creación sonora en directo: un conto de arrolos para a primeira infancia. Nesta ocasión, Xarope Tulú únese á dramaturxia, música e voz en directo da escritora e xornalista radiofónica Xiana Arias. O resultado é unha sensorial e coidada proposta para as crianzas máis pequenas protagonizada por Fedello e os seus amigo Meco, Sono e Noite.
MÚSICA
Concerto ‘A árbore dos desexos’, de Pillaband
Espazo: Sala Mozart
Horario: 13.30 h
A partir de 3 anos
A árbore dos desexos é un conto musicado de Pillaband, a banda compostelá gañadora dos Premios Martín Codax da Música 2023 na categoría de público infantil. Neste divertido e fermoso concerto, Pillaband contará as aventuras de Raiola, unha elefanta que vive na sabana africana. O mundo de Raiola está cheo de normas e prohibicións, así que un día decide marchar para saber cal pode ser o seu lugar no mundo e coñecerse a ela mesma.
Bibopalula, o espectáculo
Espazo: Sala Ángel Brage
Horario: 19 h
A partir de 3 anos
Bibopalula é un espectáculo musical de gran formato para público familiar que pechará o día de festa. Está baseado na primeira e exitosa serie musical de debuxos en galego que, desde a súa estrea en novembro de 2024 en xabarin.gal, pasou a ser o contido máis visto da plataforma en poucos días. Bibopalula, o espectáculo, está protagonizada por Ava (Lidia Veiga), unha experta observadora de paxaros que xunto ao cuarteto de aves da Banda do Bosque buscarán un tesouro escondido. Unha proposta escénica con doce cancións orixinais coñecidas polo público de Bibopalula, como ‘O Terremoto’, ‘As Estrelas’ ou ‘A Poza’ acompañadas de coreografías, efectos especiais e moita diversión.
TEATRO
Voo, de Teatro ó Cubo
Espazo: Sala Mozart
Horario: 16.45 h
A partir de 3 anos
Quen non pensou algunha vez en voar? Despegar os pés do chan e, coma por arte de maxia, flotar na ingravidez? Movidas pola curiosidade máis primaria e un anhelo profundo que transcende as limitacións humanas, as dúas personaxes desta historia buscan a fórmula para alcanzar o ceo. Voo é o novo espectáculo de Teatro o Cubo que emprega o teatro físico, a música, os obxectos, o humor e a danza como motor para alcanzar os soños. Elenco formado por Sofía Espiñeira e Uxía Elgarra.
CONTADAS
Rosa e Azul, de Pérez&Fdez
Espazo: Espazo NOGA (escenario cafetería)
Horario: 12.45 h
A partir de 3 anos
Rosa e Azul é un espectáculo de narración oral dirixido ao público familiar que queira gozar das novas narrativas da literatura infantil. Unha sesión de contos teatralizados, que celebra a diversidade. A través da manipulación de xoguetes e monicreques artesáns, mestúranse historias reais con contos de ficción que xiran en torno ao respecto, o amor, a tolerancia e a diversidade.
Contos arredor do lume, con Alba de Vales
Espazo: escenario cafetería
Horario: 17:45h
A partir de 3 anos
Contos arredor do lume é unha compilación de contos, cantos e imaxes evocadas pola xograresa Alba de Vales, para achegarnos ao lume, nas súas distintas formas e virtudes, e para falarmos de solidariedade, agarimo, comunidade e coraxe que, como unha chama interna, precisamos para andar o noso camiño. Que mellor que nas datas do Nadal, para estarmos e lembrarmos a familia que nos aquece e anima?
XOGOS E RECURSOS EDUCATIVOS
Recursos educativos
Espazo: Recibidor
Horario: de 12 a 14.30 h e de 16.30 a 20 h
Dirixido a público familiar
Atlantic Ponte. Exposición de recursos para a educación e a crianza en igualdade; espazo de asesoramento a familias.
Brazolinda. Un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego. Están deseñados para o xogo conxunto de grandes e pequenas e axudan a desenvolver a capacidade de observación, comunicación, razoamento... a través das adiviñas, as matemáticas e os xogos de agudeza visual, entre outros. O espazo Brazolinda amosa ás familias os diferentes xogos e o seu funcionamento.
Libraria Couceiro. Libros en galego para a infancia.
Bibopalula. Recursos deseñados dende a creación do espectáculo e cos que achegan ás familias elementos de uso común en galego.
Espazo de xogos, con Vaidavai
Espazo: Recibidor
Horario: de 12 a 14:30 e de 16:30 a 20 horas
Dirixido a público familiar
Na Festa do Apego habilitaranse espazos de xogos e xoguetes tradicionais, de organización libre e tamén con monitoraxe, da man do equipo de Vaidavai. Colocaranse en diversos puntos do recibidor para aproveitar o espazo dispoñible nesta edición.