CINEUROPA
PANORAMA AUDIOVISUAL GALEGO / FILMIN
FERRÍN ARRAIANO (2022)
Aser Álvarez
Galicia / 30 min / Documental / Galego
Ficha técnica:
Guión: Aser Álvarez
Fotografía: Plácido Romero, Nacho Santás, Laura Yáñez, Mariana Romero, Aser Álvarez
Edición: Aldán Delgado Fernández
Produción: Arraianos Producións
Sinopse:
Xosé Luís Méndez Ferrín e Aser Álvarez, o director desta curtametraxe documental, coñecéronse persoalmente en Vilanova dos Infantes, Ourense, na casa familiar do autor, hai máis de vinte anos. Alí forxouse unha fonda amizade que perdura no tempo e que mesmo é o punto de partida desta peza audiovisual, na que Ferrín fala sobre a súa vida, a súa obra e tamén sobre as cousas que máis lle interesan.
Unha desas teimas é a ‘raia seca’, un territorio borroso onde se localizan os relatos de Arraianos, unha das obras mestras dun grande autor que leva toda a súa carreira literaria cruzando fronteiras, consciente de que na raia sempre acontecen as cousas interesantes porque o sentido da vida é cruzar fronteiras. E por iso este documental, chamado Ferrín Arraiano.
FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN DO A AO Z (2022)
Aser Álvarez
Galicia / 51 min / Documental / Galego
Ficha técnica:
Guión e produción executiva: Aser Álvarez
Fotografía: Laura Fandiño, Aldán Delgado, Adriana Lago, Sara G., alumnado da ESAD Mestre Mateo
Edición: Aldán Delgado Fernández
Produción: Arraianos Producións
Sinopse:
Un orixinal percorrido pola vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, explorando todas as posibilidades da linguaxe audiovisual, a través das palabras, os poemas, as paisaxes de Valdeorras e as achegas dos seus biógrafos, familiares, veciños e amigos. Uns materiais que se combinan con imaxes e sons do seu arquivo persoal e familiar, coas músicas tradicionais e contemporáneas, os bailes, os viños e os lugares do seu principio do mundo en Córgomo, facendo deste documental unha auténtica "florenciada" audiovisual.
A ORIXE DO CAMIÑO DE SANTIAGO (2021)
Andrea Barrán, Aser Álvarez
Galicia / 12 min / Documental / Galego
Ficha técnica:
Guión: Andrea Barrán
Fotografía: Jacobo Real
Edición: Jacobo Real
Produción: Aser Álvarez
Sinopse:
Existen moitos xeitos de percorrer o Camiño de Santiago; un deles é a ruta do mar de Arousa e Ulla, que atravesa Galicia por un itinerario marítimo e fluvial. Esta ruta considérase o paso orixinal polo que os restos do Apóstolo chegaron a Santiago.
Aser Álvarez (Celanova). Licenciado en políticas e xornalismo, mestrado de El País e especialista universitario en Comunicación audiovisual, ten traballado en prensa, radio e televisión. Tamén comisariou proxectos expositivos multimedia e editoriais e realizou contidos para televisión e publicidade, cos que obtivo o Mestre Mateo ao Mellor Documental, os premios de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, Xohán Carballeira e o Premio ao Mellor Informativo no I Open Radio do CCCB.
Andrea Barrán (O Saviñao). Desenvolveu a súa actividade profesional os últimos anos entre Galicia e Madrid. Licenciada en Ciencias da Información, dirixiu numerosas campañas publicitarias para marcas con Stage Entertaiment, Eurostars Hotels, Warner ou BMW e tamén documentais con Arraianos Producións e Aser Álvarez.