ENTREGA DE PREMIO CINEUROPA A RITA ACEVEDO GOMES

DATOS BÁSICOS

Premio Cineuropa 2019

Rita Azevedo Gomes

Para o festival é unha verdadeira honra que un dos seus premios vaia para unha das cineastas máis extraordinarias da actualidade, cunha carreira exigua en títulos, pero infinita en alcances. Unha obra persoal e de extraordinaria forza visual, xa patente dende o seu primeiro filme, o descomunal O som da terra a tremer, e que mestura representación, arte e vida para extraer una reflexión sobre o tempo e o espazo e sobre uns personaxes atrapados entre as lembranzas e os desexos non consumados.

A carreira de Rita Azevedo no mundo do cinema non comezou coa súa obra como cineasta, senón moito antes. Despois de ter unha “revelación” tras un visionado da maxistral Amor de perdiçâo, de Manoel de Oliveira, achegouse a presentar os seus respectos ao mestre portugués e acabou conseguindo un posto de axudante de vestiario (detalle moi importante, porque aínda a día de hoxe ela mesma deseña e confecciona boa parte dos vestidos e traxes dos seus filmes, como lles confesou aos abraiados asistentes a un dos pases na sala Númax da belísima A vingança de uma mulher). O contacto con Oliveira culminaría co fermoso documental A 25ava pedra, no que Azevedo recolle un diálogo co cineasta portugués e o crítico João Bernard da Costa. Despois deidicou moitos anos a traballar como programadora da cinemateca portuguesa, onde lle trasmitiu a súa paixón polo cinema ao agradecido público dunda das mellores cinematecas do mundo.

O carácter epistolar do seu cinema ca aparece na súa segunda película Frágil como o mundo, cartas de amor pasan de man en man en offs literarios encadran a acción dun xeito definitivo. Pola súa parte, en Correspondências, filme presentado no Festival de Cinema de Locarno 2016, constrúe un filme mutante que pasa dun formato a outro en torno á relación epistolar mantida entre os poetas Jorge de Sena e Sophia de Melho Breyner. As cartas son como ecos afastados que estenden os dominios dos filmes na mente do espectador, como vastos mundos e acontecementos en off que doen por non poder velos nin cambialos.

En A Vingança dunha mulher tamén hai cartas, pero aquí o dono é señor da pantalla é o espazo escénico, o cal crea un contexto histórico a camiño entre a fidelidade e a invención lúdica nunha serie de tableaux vivants, máis vivos  ca estáticos, e onde Azevedo utiliza o teatro, a pintura, a arte e a representación para conformar unha obra violenta e total. O grao de apaixonamento cede un pouco en A Portuguesa, mais non o total control do espazo fílmico e escénico (que no cinema da realizadora son unha mesma cousa) e do tempo: "o cinema é tempo", di ela. E é certo. Suspensión do tempo real e creación dun tempo novo, libre e imposible de cronometrar.

 

Finalizado a entrega de premio o público asistente poderá ver o filme 'Danses Macabres, Squelettes et autres Fantaisies / Danses Macabres, Skeletons and Other Fantasies" (2019) de Pierre Léon, Rita Acevedo Gomes, Jean-Louis Schefer.

 

 

 

 

Información da billeteira: 

De balde previa retirada de convite

A retirada de convites farase no despacho de billetes do Teatro Principal desde dous días antes de cada evento e no da sala correspondente desde unha hora e media antes do incio do mesmo

Funcións: 
Sábado, 16 Novembro, 2019
20:00
Teatro Principal

UBICACIÓN

Compostela Capital Cultural