TEMPADA «MEMORIA» · CONCERTOS FÓRA DE ABONO
REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
Matteo Dal Maso, director
Sofía Ros, acordeón
Óscar Cobos e Antía Barcia, danza
PROGRAMA
Astor Piazzolla: Libertango
Astor Piazzolla: Concierto para bandoneón “Aconcagua”
Astor Piazzolla: Milonga del ángel
Astor Piazzolla: Tres minutos con la realidad
Astor Piazzolla: Adiós Nonino
Astor Piazzolla: Oblivion
Piazzolla protagoniza este primeiro (EN)FOCO da tempada. Se hai un nome que evoca con forza a música arxentina é o deste compositor que revolucionou o tango: demasiado audaz para os ortodoxos do xénero e excesivamente arrabaldeiro para os puristas. Fillo de inmigrantes italianos, recibiu do seu pai un bandoneón que aprendeu a tocar de maneira autodidacta durante a súa infancia en Nova York, onde coñeceu a Carlos Gardel. Desa etapa herdou o gusto polo jazz e, dos anos en París, o coñecemento da tradición europea. Incomprendido durante décadas polos sectores máis tradicionais do tango, o recoñecemento chegoulle nos anos finais da súa vida. Piazzolla quixo ampliar os límites do tango. Para iso incorporou procedementos harmónicos e rítmicos pouco habituais na tradición tanguera, formas de desenvolvemento propias da música académica e unha concepción do conxunto instrumental que outorgaba á súa produción unha nova liberdade. Así, Libertango representa a súa faciana máis expansiva fronte á Milonga del ángel que amosa a máis contemplativa. Ademais, Tres minutos con la realidad enfróntanos á enerxía e ao conflito e Adiós Nonino condúcenos cara á memoria mentres que o Concerto Aconcagua, coroado por un final de gran forza expresiva, ten un carácter case testamentario, como a última obra que gravou.