FIESTRA ABERTA
Fran Pérez, Narf, foi un creador inquieto, músico e compositor que fixo da súa música un lugar de encontro. Desde Galiza abriu camiños cara a Portugal, África e América, mesturando linguaxes, tradicións e formas diversas de entender a creación.
O seu legado está nas cancións, pero tamén nesa maneira de tender pontes, de ir ao encontro do outro, de entender a música como un territorio aberto e compartido. E talvez non haxa lugar mellor para volver atoparnos con Narf que Compostela.
Cidade misterio. Aldea oculta e cidade futurista. Cidade de camiños, de chegadas e partidas, de memoria e de futuro, coa alma enredada na espiral, como ben dicía na súa canción «Santiago». É aquí, en Compostela, onde ENCONTRARTE quere volver xuntar as voces, as xeracións e os territorios que forman parte do universo musical de Narf.
O 15 de novembro, no Auditorio de Galicia, terá lugar un encontro entre xeracións, voces e territorios.
Músicos que compartiron camiño con el e novas voces que recollen as súas cancións para facelas vivir de novo.
Unha viaxe musical entre a memoria e o futuro, entre as cancións, a poesía, a palabra e os ritmos que atravesan o seu universo.
Un escenario compartido por distintas xeracións de creadoras e creadores, por diferentes maneiras de cantar e tocar, e por unha mesma vontade: volver atoparnos nas cancións.
Porque a música de Narf segue aí.
E segue sendo, como el, un lugar de encontro.
Imaxe: Xabier Belho