CINEUROPA
SECCIÓN OFICIAL EUROPEA
EMERGENCY EXIT (2025)
Lluís Miñarro
España / 96 min / Ficción / Castelán
Ficha artística:
Marisa Paredes, Oriol Pla, Emma Suarez, Francesc Orella, Albert Pla
Ficha técnica:
Guión: Lluís Miñarro
Fotografía: Jimmy Gimferrer
Edición: Diana Toucedo
Produción: Lluís Miñarro
Sinopse:
Un vehículo dunha ruta tan enigmática como a súa traxectoria acolle catorce viaxeiros que non poden —ou non queren— baixar. Mentres percorren paisaxes irreais, entre o soño e a vixilia, cada un deles recrea un fragmento da súa identidade. Nesa viaxe liminal, entre a vida e a morte, a memoria e o esquecemento, acontecen encontros absurdos, confesións, máscaras e autenticidade. Este filme, dotado dun personalísimo realismo máxico con chiscadelas a Buñuel, foi a última aparición de Marisa Paredes na gran pantalla.
Lluís Miñarro é unha figura fundamental do cinema de autor europeo. Como director, presentou as súas longametraxes Familystrip, Blow Horn, Stella Cadente e Love Me Not en festivais de prestixio como Rotterdam, Locarno e Karlovy Vary. En 1989 fundou a produtora Eddie Saeta, coa que impulsou máis de corenta e cinco filmes de cineastas como Apichatpong Weerasethakul —que con Tío Boonmee lembra as súas vidas pasadas gañou a Palma de Ouro en Cannes 2010—, Manoel de Oliveira ou Albert Serra. O seu traballo, tanto como produtor como realizador, caracterízase pola aposta por un cinema libre, poético e arriscado, comprometido coa exploración artística e coa independencia creativa.