CONTEMPORÁNEAS 2026 · 2027
ELISA ÁLVAREZ DOVAL, piano
MORTON FELDMAN AT 100
PROGRAMA
Morton Feldman (1926-1987)
Two Intermissions (1950)
Intermission 5 (1952)
Piano Piece 1955 (1955)
Last Pieces (1959)
Piano Piece (to Philip Guston) (1963)
Palais de Mari (1986)
Co gallo do centenario do nacemento de Morton Feldman, Elisa Vázquez Doval propón unha escoita alternativa a través da súa obra afastada dos modelos estruturais da vangarda europea e dos xestos expresivos tradicionais. Esta charla-concerto procura achegar ao público o universo sonoro do compositor, explorando o seu pensamento musical, os desafíos e as implicacións interpretativas da súa escrita pianística percorrendo as súas etapas compositivas. A influencia das artes visuais, especialmente do expresionismo abstracto e de figuras como Rothko, Guston ou de Kooning, permite entender a obra para piano de Feldman como unha pintura en movemento, onde cada son se sitúa no espazo e o silencio cobra unha dimensión estrutural. Xunto aos pintores da Escola de Nova York, as alfombras persas artesanais foron outra gran fonte de inspiración. Fascinábao a súa «simetría desproporcionada» e as pequenas variacións de ton na la tinguida a man, ideas que aplicou á súa música minimalista de longa duración mediante repeticións con lixeiras imperfeccións e asimetrías.
Elisa Vázquez Doval. Pianista galega cunha destacada traxectoria como solista e música de cámara, Elisa Vázquez Doval actuou en prestixiosos auditorios internacionais como o Concertgebouw de Ámsterdam e o Muziekcentrum Vredenburg de Utrecht, así como en numerosos escenarios de España e Europa. O seu compromiso coa música contemporánea levouna a estrear en España obras de compositores e compositoras de sona como Elliott Carter, John Cage, Rebecca Saunders, Younghi Pagh-Paan, Joji Yuasa e Linda Catlin Smith. Participou en importantes festivais e ciclos nacionais, entre eles o Festival RESIS, as Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, o Teatro da Zarzuela, o Festival Internacional de Primavera da Universidade de Salamanca, a Fundación Juan March, a Fundación Caixa Galicia, o Ciclo de Outono do Museo de Belas Artes da Coruña, e o Festival Espazos Sonoros. Formouse no Conservatorio Superior de Santiago de Compostela e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, e ampliou os seus estudos na Escola de Música de Barcelona e nos Conservatorios de Rotterdam e de Utrecht, onde obtivo en 2006 un mestrado en Piano. Os seus principais mestres foron Klára Würtz, Michael Davidson, Manuel Carra e Julián López- Gimeno, entre outros. Elisa recibiu bolsas e apoios de entidades nacionais e internacionais, entre elas o Ministerio de Asuntos Exteriores, a Fundación Caixa Galicia, a Deputación da Coruña, a Comunidad de Madrid e a fundación neerlandesa Hein Fonds.