EL JARRÓN INFINITO (O VASO INFINITO). MAR RAMÓN SORIANO_ZONA C

DATOS BÁSICOS

El jarrón infinito de Mar Ramón Soriano é o novo proxecto que ocupará o primeiro e o segundo andar da Zona C. Foi seleccionado na modalidade de proxectos de creación artística para formar parte da programación que este espazo dedica á arte emerxente.

Mar Ramón Soriano (Valencia, 1993) contextualiza este proxecto na investigación procesual e teórica que vén desenvolvendo ao situar a materialidade das cousas no seu centro de interese. Segundo a artista, a natureza dun obxecto articúlase segundo pesos, resistencias e fraxilidades. O corpo é un obxecto máis que, representado coa cerámica e articulado con outros elementos dunha forma precaria, fornece un compoñente de dramatismo e temor á rotura.

Mar mira consciente arredor seu e le as connotacións que cada cousa achega á composición final:  “Unha bolsa da compra deixa unha marca nos meus dedos, miro as aprehensións das que fala o filósofo Graham Harman e observo as ergonomías". A artista amosa interese nos materiais cotiáns, que en moitas ocasións pasan desapercibidos, aproveitando os seus significados nun constante exercicio de terxiversación.

El jarrón infinito nace da necesidade de afondar no proxecto en que a creadora está mergullada: traballa desde a referencia dunha imaxe tirada por Ruth Mathilda Andersón en 1920 ás “apañadeiras” de Niñodaguia, parroquia oleira onde se atopa o taller da artista.

As “apañadeiras” eran mulleres que cargaban as olas desde os obradoiros cerámicos até o forno no que se cocían. Unhas xigantescas e pesadas cestas pousaban sobre as súas cabezas establecendo unha forma que Mar determina como un volume vasiforme.

A figura que resulta do pousado sobre a cabeza amosa paralelismo cos procesos de amoreamento cos que a creadora está a traballar e que teñen tamén como referencia a Columna sen fin de Brancusi.

Mar Ramón Soriano conquista o espazo a través das dimensións do cerámico. Constrúe módulos que se sitúan uns derriba doutros á maneira dos rañaceos ou dos impoñentes obeliscos, na procura de acadar unha altura ou unha monumentalidade que se exerce dende a colectivización de módulos máis modestos. Pola súa vez, os volumes teñen o xerme de corpo que carga e é cargado, que serve de sostén ou é sostido. Estas acumulacións de formas onduladas e orgánicas, observadas de forma lateral, poden percibirse como o debuxo de dúas liñas curvas situadas a modo de espello, nun exercicio de simplificación ou de extracción da cualidade mínima, e é esta imaxe concreta a que vincula as disciplinas empregadas na produción desta mostra.

Volumes, cores, densidades e disposicións establécense e distribúense no primeiro e no segundo andar da Zona C a partir de tres series de obras que exploran cuestións físicas de peso e gravidade, un interese polo arquivo histórico e os procesos inherentes ao traballo con diversos materiais. El jarrón infinito desenvolve os intereses da artista, abordados desde unha serie de módulos cerámicos, o traballo en pezas téxtiles e un terceiro conxunto que se conforma a partir de imaxes fotográficas.

__

Mar Ramón Soriano é doutorada pola Universidade de Vigo grazas á investigación do xénero como proceso na arte obxectual, leva a cabo a súa práctica artística nun obradoiro en Niñodaguia, Ourense, parroquia de tradición oleira que a enmarca nun contexto característico á hora de afrontar os seus procesos e a súa produción.

Realizou exposicións individuais na sala Alterarte (Ourense), inaugurada en 2022 baixo o título “Sistemas empáticos”, na Galería Nordés con “La Forma óptima”, que posteriormente se expuxo na sección de proxectos de artista dentro da feira Arco 2021, ou “Una curva unha ola un cos” en Art Mustang (Elx) grazas á residencia artística Puenting na UMH (Altea). Anteriormente tiña exposto de forma individual noutros espazos como a Fundación Granell (Santiago de Compostela) ou o Centro Marcos Valcárcel (Ourense). Participou noutras feiras como Marte (Castellón), na sección comisariada por Teresa Calvo en 2021 ou en Cuarto Público en 2016.

Entre as mostras colectivas máis recentes atópase o Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas, tanto en 2021 como nos anos 2019, 2017 e 2015; Afinidades Selectivas (Mar Ramón+Julia Huete). Carótidas y Coronarias, Casa Galega de Cultura (Vigo), comisariada por Juan Carlos Román; Cultivar incertezas: Reformular el espacio/Conmocionar la mirada, CGAC (Santiago de Compostela), comisariada por Ángel Cerviño; O Pronunciamento na Galería Vilaseco, comisariada por Ángel Calvo Ulloa; ou Solo Show en Casabanchel (Madrid) durante o 2019 e comisariada por Casa Antillón.

Ademais participou en diversos certames e recibiu premios como a selección na convocatoria de intervencións artísticas para a Zona C, 2021, o Novos Valores 2020, o Premio Injuve para Creación Joven en 2017-18 e varias edicións do Premio Xuventude Crea.

CONCERTO DE DA ROCHA

Colofón acto inaugural_até límite de aforo

A repetición preséntase en forma de loop que se sucede unha e outra vez, sempre igual e sempre diferente. O traballo en series, o traballo seriado e o traballo automatizado converxe aquí no uso de sons do taller que teñen que ver co xestual-corporal (amasar, fornear, colocar, debuxar, atar, etc.) e que son rexistrados a través dun smartphone. A sonoridade dos obxectos e os xestos que se repiten e escoitamos todos os días.

A repetición toma un lugar importante cando falamos do traballo de Mar. Tanto as series de Mar Ramón, como o loop de Da Rocha parten sempre dunha base común, sonora ou procesual dende a que se xoga e dende a que se conforman todas as súas variables. O compoñente de improvisación á hora de agregar e subtraer capas entre a matriz de gravacións reais e os instrumentos virtuais, é o elemento que fai que cada repetición non sexa tan só unha reprodución, senón outra cousa.

A repetición articúlase arredor dun xerme común e vaise desenvolvendo de formas distintas tanto nas obras de Mar Ramón como na que Da Rocha produce de forma específica absorbendo a sonoridade repetitiva de certos elementos procesuais e materiais propios da primeira para volver proxectalos baixo a súa linguaxe.

 

 

Entradas: 

O día da inauguración a sala abre ás 20.00h

CONCERTO DE DA ROCHA_ 3º andar_20 min

___

  • HORARIO Zona C. Punto de Información Cultural
  • De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h
  • Agosto horario so de mañán de 11.00 a 14.00 h
  • Tel.: 981 542 462
  • PROTOCOLO DE ACCESO SEGÚN MEDIDAS SANITARIAS VIXENTES
Funcións: 
Xoves, 14 Xullo, 2022 a Sábado, 24 Setembro, 2022
Zona C. Punto de información cultural