CONTEMPORÁNEAS 2026 · 2027
HIDRÁNXEA
DÚO SEIVA
Fernando Raña, frauta
Alba Barreiro, arpa
PROGRAMA
Carme Rodríguez (1996) Hidránxea* (2026)
Gloria Rodríguez Gil (1972) Alma de Greta* (2026)
Katrina Penman (1982) Suite for Adi* (2026)
María Mendoza Fernández (1975) Coquelicot* (2026)
*Estrea absoluta
O proxecto «Hidránxea» eríxese como unha plataforma artística integral que fusiona excelencia interpretativa cun firme compromiso ético cara á igualdade de xénero e a democratización cultural. A través da creación contemporánea, o proxecto non só busca a innovación sonora, senón tamén a construción de referentes femininos sólidos que inspiren ás novas xeracións, desafiando as narrativas tradicionais do sector. A proposta integrará proxeccións dixitais e edición de partituras, asegurando así unha circulación aberta e transversal das obras; de tal forma, maximizarase o seu alcance, fortalecendo o seu impacto social e territorial coma un axente de transformación cultural accesible.
Dúo Seiva. O dúo integrado por Fernando Raña (frauta) e Alba Barreiro (arpa) vén desenvolvendo nos últimos anos un intenso labor a prol da música galega, con estreas de pezas dalgún dos compositores galegos máis representativos da nosa cultura, como é o caso de Joám Trillo, Eligio Vila, Gabriel Bussi ou Juan Durán, que foron os seus dedicatarios. Tamén atenden á composición feminina con encargos pendentes de estrea de compositoras de prestixio internacional como Carme Rodríguez, María Mendoza, Gloria Rodríguez ou Katrina Penman. Esta divulgación materializouse no CD De través editado en decembro de 2024 por Dos Acordes, cunha moi positiva acollida de crítica e público, e ten prevista unha nova gravación discográfica en 2026. Ademais, cómpre destacar na súa actividade recente a participación en festivais de recoñecido prestixio internacional como Clasclâs (Vilagarcía de Arousa), Noia Harp Fest, Os martes das artes da Real Academia Galega de Belas Artes (A Coruña) ou Nas Ondas do Conservatorio Superior de Vigo, así como en varios actos conmemorativos entre os que destacan a apertura do 75º cabodano de Castelao en San Domingos de Bonaval, a celebración do centenario da entrega do Pazo Museo Quiñones de León á cidade de Vigo ou no 75º aniversario da Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos.