DE LUGARES E ÓRGANOS 2024

DATOS BÁSICOS

DE LUGARES E ÓRGANOS · MÚSICA E OUTRAS PAISAXES DE COMPOSTELA

24 – 31 de marzo de 2024

'De Lugares e Órganos' cumpre nove edicións. Un ciclo que naceu coa vocación de converter Santiago nun referente máis entre as programacións de órgano que se espallan ao longo das paisaxes organísticas europeas e do resto do mundo e que, pouco a pouco, se foi reafirmando na súa intención de dar a coñecer o rico patrimonio que posúe a nosa cidade. Os órganos e os lugares seguen a ser os seus protagonistas para emprazarnos, de ano en ano, arredor dunha programación que trata de significar o que, ao longo da historia, representou a música tamén para Compostela. Unha iniciativa necesaria para a nosa pequena e acolledora cidade, que foi en tempos un importante centro da organaría peninsular e conserva aínda un rico e ben coidado patrimonio que debe seguir soando para non murchar. Un ano máis, dispoñémonos a facer da cidade, dos seus lugares e dos seus órganos, un punto de encontro para a concordia arredor da música, coincidindo co momento do ano no que celebramos a chegada do que renace. A mestura da tradición musical con proxectos innovadores, a combinación de artistas internacionais canda o noso mellor talento creador, o coidado pola harmonía na interacción cos espazos nun tempo que chama á sensibilidade e respecto polas diferentes maneiras de estar no mundo, o saír na procura do coñecemento da historia musical da nosa cidade, foron as liñas que nos inspiraron ao longo destes anos e inspiran tamén esta nova edición. Danza histórica, música de varios períodos históricos, a pegada do cinema no órgano, roteiros pola cidade na memoria do organista e compositor compostelán Bartolomé de Olagüe, forman parte das citas que nos agardan ao longo desta semana de programación. E, como pano de fondo, que serve este ano como imaxe distintiva do ciclo, os xogos gravados na pedra de Santa Clara e o recordo da nosa querida sor Teresita, freira e organista deste convento, unha muller que, desde que botou a andar 'De Lugares e Órganos', acompañou e apoiou o noso traballo, sempre con afecto e entusiasmo "in memoriam".

[Belén Bermejo López, Directora artística do ciclo De Lugares e Órganos]

>>> TODOS OS EVENTOS DA PROGRAMACIÓN

Entradas: 

De balde, previa retirada de convites (máximo 2 por persoa) a partir do mércores, 13 de marzo

  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • De non se esgotaren, tamén se poderán recoller o propio día da actividade no lugar onde esta se celebre desde unha hora antes do seu comezo. As invitacións serán válidas ata 10 minutos antes do inicio da actividade. A partir dese momento, a organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas.
  • A apertura de portas terá lugar aproximadamente media hora antes da hora de comezo dos concertos e actividades.

A asistencia á proxección na NUMAX ten un custo de 4€. Pódense mercar entradas anticipadas no despacho de billetes do cinema ou na web numax.org.

Funcións: 
Domingo, 24 Marzo, 2024 a Domingo, 31 Marzo, 2024
00:00
Varios lugares