DA TÚA MAN PARA A MIÑA. FRAN RODRÍGUEZ CASAL_ZONA C

DATOS BÁSICOS

O artista Fran Rodríguez Casal (1998, Traspielas, Pontevedra) presenta na Zona C o proxecto 'Da túa man para a miña', que foi seleccionado na modalidade de proxectos de creación artística para intervir o primeiro e o segundo andar dese espazo. A Zona C, que busca dar visibilidade á creación artística emerxente, acolle así a segunda das intervencións que poderemos ir descubrindo durante o ano 2022.

Da túa man para a miña interpela dous tempos, o pasado e o presente, a través de fotografías e de imaxes de videoarquivo da aldea natal do artista, Traspielas.

A intervención convídanos á reflexión sobre o concepto de comunidade e sobre a súa descomposición no rural galego, sinalando este proceso como o principal problema do despoboamento, ademais de combater a sacralización do rural definido como un conxunto de fósiles dunha época xa superada pero que temos obriga de conservar.

A paisaxe é froito da convivencia entre o ser humano e os medios de produción. Ao longo dos séculos as persoas traballaron e modificaron a paisaxe, que tamén foi quen de labrar a alma e o corpo daqueles que interviñeron nela.

As imaxes conteñen dúas realidades: por un lado o folclore, a vida cotiá e a bucolización desa paisaxe. Por outro a soidade, a fragmentación da sociedade e as duras condicións de vida. A través desta confrontación revélase un exercicio de violencia, converténdoo nun lugar desestabilizador e de denuncia. O fundamental, o vital, xace sepultado entre liñas.  A inocencia, aparente, non existe. 

A través da montaxe desprázanse estes emblemas cun proxecto artellado en dous niveis:

Dunha parte unha proxección de videoarquivo e unha recoleción de documentos e fotos de arquivo onde se recollen recordos de vidas que aínda están sendo vividas e actos comunais que tiveron lugar na aldea do artista, presentando o espazo do encontro e a reunión como un lugar que remite á comunidade. O lugar é a ausencia dunha presenza, algo que hoxe en día xa non existe. A idea de comunidade queda relegada a uns poucos acontecementos. A individualización do rural acabou cunha clase autosuficiente que se mantiña á marxe do sistema.

Doutra parte, preséntase o territorio na actualidade, a través dunha serie de fotografías onde os rostros dos protagonistas son confrontados coa paisaxe. As mesmas persoas que participan nos actos comunais que se amosan no videoarquivo agora son mostradas na realidade que viven. Persoas maiores que se atopan cunha dura realidade: o rural como espazo de soidade, carente de actividade e infraestruturas que cubran os mínimos dunha supervivencia en condicións óptimas.

 

FRAN RODRÍGUEZ CASAL

O meu traballo persoal oscila entre a fotografía e o cinema experimental. Actualmente desenvolvo proxectos persoais de longo percorrido dentro do documentalismo contemporáneo de autor, centrándome na idea de comunidade e na interacción entre a paisaxe e o ser humano. Combino o meu traballo persoal co traballo na produción cinematográfica. 

2022 - Residencia artística Illas de Arán, (IR), Stills&Motion 

2021 - Encontros da Imagem, Festival Internacional de Fotografia e Artes Visuais Braga, (PT).

2020 - X Encontro de Artistas Novos na Cidade de Cultura de Galicia. 

_______________

Su Garrido Pombo

A cantautora galega, tamén da aldea de Traspielas, veciña e amiga acompaña ao artista no día da inauguración, aportando unha achega ao proxecto de Fran a través da emoción da música e da voz.

Aprendeu a cantar coa súa avoa as cancións dos seráns de Traspielas, as coplas da radio, as melodías que viñan en vinilos dende Salvador da Baía a onde emigraran os seus avós e veciños. O seu estilo músical abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk e trad. A sua música é intimista e nos seus directos acompáñaa a sùa guitarra e os seus pedais de efectos. 

____________

VISITAS COMENTADAS POLO ARTISTA

martes 10 e martes 24 de maio

Zona C_17.30 h

Duración: 60' aprox

Maximo de 15 persoas por grupo

De balde previa reserva de 9.00 a 14.00h no mail

exposicions@auditoriodegalicia.org

Entradas: 

Visitas comentadas polo artista os martes 10 e 24 de maio

Zona C_17.30 h

Duración: 60' aprox

Maximo: 15 persoas

De balde previa reserva de 9.00 a 14.00h no mail

exposicions@auditoriodegalicia.org

 

___

  • HORARIO Zona C. Punto de Información Cultural
  • De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h
  • Tel.: 981 542 462
  • PROTOCOLO DE ACCESO SEGÚN MEDIDAS SANITARIAS VIXENTES

 

Funcións: 
Mércores, 20 Abril, 2022 a Domingo, 3 Xullo, 2022
Zona C. Punto de información cultural