DÉCIMO TERCEIRO PREMIO AUDITORIO DE GALICIA PARA ARTISTAS NOVEIS 2023

DATOS BÁSICOS

O premio Auditorio de Galicia chega a súa décima terceira edición co obxectivo de proporcionar a artistas noveis un lugar de difusión  e de encontro coas diferentes miradas de visitantes profesionais e do público en xeral. O xurado seleccionou trinta e tres obras que formarán parte da exposición e da publicación, de entre as oitenta e tres propostas presentadas por artistas e colectivos; un xurado que fai constar o difícil labor que sempre é a selección pola alta calidade dos traballos presentados.

O premio posibilita a creadoras e creadores menores de 40 anos un lugar onde presentar obra inédita e ao público testar o que esta a acontecer coa nova creación en Galicia e a súa contribución á escena actual da arte.

ARTISTAS SELECIONADOS / AS

Alén do Cascallo, Maruxa Alonso Gago, Cristian Álvarez Mejuto, Nato Brandariz, Cabanes Fontao, Catara Rego, Colectivo Cadela Negra, Nerea Cordeiro, Iria Cortizo, Marcos Covela, Marcos Covelo, Andrea Davila Rubio, Diego Del Río, Edu, Carlos Fer, Adrián González Salgueiro, Antía Iglesias, Lacopi, Sergio Marey (primeiro premio), Manuel Mata Piñeiro, Laure Mojo (segundo premio), Joan Morera Arbones, Sol Mussa, Alejandra Pardo, Manuela Pita Vidal, Mar Ramón Soriano, Alejandro Rego, Aram Ríos, Fran Rodríguez Casal, Borja Santomé Rodríguez, Susana, Verónica Vicente, Breogán Xague (terceiro premio).

PREMIOS

1º premio dotado con 6.000 euros para SERGIO MAREY (Pol, Lugo, 1997) pola obra Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes, realizada en 2023 en barro de buño, madeira, metal, corda, ladrillo e ceras de cores.

'Os crimes LGBTIQfóbicos e as violencias contra o colectivo LGBTIQA+ aumentan día tras día, ano tras ano. Como persoa non binaria que pertence a este colectivo, decidín levantar un cruceiro para lembrar a todas esas vítimas. Os cruceiros son representacións da arte popular a través dos cales os galegos representaban diferentes fitos como mortes violentas, lugares de culto pagáns, agradecemento... Simbolizan feitos de carácter cristián ou non, mais utilizan a relixiosidade como expresión e atopan nela maneiras de subverter os dogmas impostos (...)'

 2º premio dotado con 3.000 euros para a artista LAURE MOJO (O Pino, A Coruña, 1985) por Historia da nosa arte, un peza en construción que comezou a realizar no ano 2016, na que a través do debuxo, a fotografía abstracta e documental e o audiovisual percorre un mapa da memoria co seu pai: 'Hai sete anos que comecei fotografar o meu pai. As súas lembranzas son as miñas. El está a atravesar un proceso que o levou a experimentar un drástico cambio físico e mental'

3º premio de 2.000 euros para BREOGÁN XAGUE (Vigo, Pontevedra, 1999) pola instalación escultórica e sonora Fun abalar a pedra que está no medio do mar, que recolle o seu nome dunha copla do alalá de Muxía.

'Eu nunca vin a Pedra de Abalar de Muxía moverse. Sei que producía, de cando en vez, un son profundo e recoñecible, que a xente choutaba sobre ela para intentar provocalo. Pero a pedra rachou sendo eu moi novo e nunca puiden escoitar ese resultado, soamente vivín a repetición dos xestos cos que se procura ese movemento. Así, a miña relación con ese elemento identificativo da nosa paisaxe non é o dunha experiencia cun principio e un final, é o de unha busca. Coma no caso da lingua, houbo un proceso de transmisión crebado que atopou un xeito de transformarse para continuar participando dunha comunidade. O valor da pedra xa non é que de cando en vez abale, é que hai un grupo de xente que sabe que adoitaba facelo; a memoria dese son tamén soa'.

 

Entradas: 
  • HORARIO Sala Isaac Díaz Pardo
  • Domingo 11 o Auditorio de Galicia permanecerá pechado desde ás 15.00h (disculpen as molestias)
  • Todos os días de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h [os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00 h]
  • Entrada de balde
Funcións: 
Mércores, 29 Novembro, 2023 a Domingo, 25 Febreiro, 2024
Auditorio de Galicia