ARTES ESCÉNICAS · DANZA
A segunda sesión de Herdanza Itinera inclúe dúas pezas breves que dialogan desde diferentes aproximacións ao corpo contemporáneo.
En DÂNSÂI, Adrián Herrera desenvolve unha investigación física inspirada na natureza, tomando como referencia especies vexetais e mariñas para explorar novas posibilidades de movemento. A peza leva o corpo ao límite da súa apertura articular, nunha proposta que conecta danza contemporánea e acrobacia.
Adrián Herrera é bailarín, coreógrafo e director da compañía Germen Dance Project. A súa traxectoria combina formación en danza contemporánea, breakdance e disciplinas físicas, desenvolvendo un estilo propio marcado pola investigación na biomecánica, os tecidos e o movemento orgánico. Traballou con compañías como Pan.Optikum ou Albadulake e participou en diversos proxectos escénicos e musicais a nivel estatal e internacional.
Tánguela, de Myriam González, propón unha mirada íntima sobre a deformación e o control. Un solo que explora a tensión entre o desexo de orde e a imposibilidade de control, interrogando a relación co propio corpo e cos estándares que o atravesan.
Myriam González (Ferrol, 2001) é bailarina e creadora emerxente cunha práctica que integra danzas urbanas e creación contemporánea. Codirixe a compañía Tuatha e forma parte de proxectos como o Colectivo D’elas. As súas pezas foron recoñecidas en certames coreográficos e destaca polo seu traballo arredor do corpo, a identidade e os límites do control.