A vixésimo segunda edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto presenta importantes novidades cun cambio de formato e de datas. Este anovado modelo estrutúrase en dúas fases: o Curtocircuíto Campus, un feixe de actividades co foco na alfabetización audiovisual e a formacion de novos públicos que se desenvolverá no mes de maio, e a Semana Oficial do festival, con proxeccións, encontros e eventos interdisciplinares do 1 ao 6 de xullo.
A formación e a presenza nos centros educativos da cidade seguirá sendo un dos acenos de identidade do festival e no seu compromiso por preservar e apostar polos novos talentos e contribuír á formación de novos públicos e pensamento crítico, desenvolverá este ano Curtocircuíto Campus.
Entre o 5 e o 13 de maio levarán a cabo actividades dedicadas en exclusiva á alfabetización audiovisual, a creación de novos públicos e a formación en xeral. Cada edición, máis de 2.000 estudantes participan nestas actividades que reforzan o espírito fundacional do evento.
A programación, dirixida a público infantil, escolar, universitario e profesional, estará dividida nas seccións Teenage Riot e Criaturas, dedicadas á xeración de novos públicos e que contan co apoio de Deleite, e Satélite FACÖM, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación e o Club de Cinema FACOM. Realizarase tamén a Cátedra Cruz Vermella - USC, na que se ampliará programación con respecto a edicións anteriores e que este ano estará centrada nos aspectos positivos do envellecemento. De novo levará a cabo a Residencia Artística, que conta co apoio da Universidade de Santiago e Cafés Candelas, e que, a través da fotografía, reivindica unha imaxe de Santiago de Compostela que contraste coas representacións tradicionais da cidade. Ademais, nesta nova edición recuperarase a Sección Canteiras, que pon en valor a alfabetización audiovisual e promoción de prácticas que capacitan o estudantado para coñecer, interpretar e expresarse a través da creación audiovisual e a reflexión en torno á linguaxe visual.
O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto é un certame desenvolvido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura co apoio da Deputación da Coruña e o ICAA.