CINE, PURPURINA E RESISTENCIA
CONVERSA CON MARIE LOSIER
Hai cineastas que filman o mundo para entendelo, e hai quen, como Marie Losier, o filma para salvalo da solemnidade. Ao longo das últimas décadas, Losier construíu unha das filmografías máis deslumbrantes, libres e conmovedoras da vangarda contemporánea, convertendo o celuloide nun tecido vivo onde a realidade se suspende para dar paso á fantasía.
Esa complicidade radical sostense sobre unha materialidade inconfundible: o gran táctil das súas cámaras Bolex de 16 mm. Na era da saturación dixital, Losier resiste desde o celuloide, arrastrando os pés no cinema analóxico non por nostalxia, senón por sensualidade. O parpadeo da luz, o corte abrupto e o ritmo musical da súa montaxe converten as súas películas nunha extensión do propio corpo. O seu cinema é un arquivo afectivo e ruidoso da cultura queer e das familias elixidas, un refuxio onde a vulnerabilidade se viste de purpurina para resistir a norma.
Nesta charla Losier fará un percorrido por unha vida chea de amizades incribles e que ela transformou nunha traxectoria marcada polo retrato de artistas, músicos e figuras da cultura underground europea e neoiorquina. Unha fermosa ocasión para coñecer de preto unha sorte de álbum familiar das vangardas europeas e americanas de finais do século XX, e afondar nos procesos creativos dunha das autoras máis singulares e divertidas do cinema experimental contemporáneo.