Esta sección naceu para dar un espazo a eses primeiros traballos que non teñen fácil acceso a grandes espazos de difusión profesional. O festival quere proporcionar a cineastas emerxentes a oportunidade de presentar, defender e acompañar os seus filmes en fronte a programadoras, produtores e realizadores máis experimentados que poidan cuestionar as propostas e enriquecer os coloquios.
Supercerdos
(Supercerdos)
2026
JOSEP CABO GONZÁLEZ
0:13:00
DOC
Elena é carniceira e tamén é vexetariana. Elena fálanos —mentres atende a clientela e corta carne— dos “superporcos”, híbridos creados polos seres humanos a partir do cruzamento entre xabarís e porcos domésticos, que están a invadir Norteamérica. Pero, existen realmente estes animais? De que é a carne que vemos? E quen é Elena? Xogando cos contrastes e cun humor retranqueiro, este filme lévanos, pouco a pouco, a cuestionalo absolutamente todo.
Casarocos
(Casarocos)
2026
ALICIA LÓPEZ MÉNDEZ
0:18:04
EXP, DOC
Son moitas as aldeas de Galicia e do norte de España e Portugal que están case abandonadas, cheas de casas derrubadas, listas para converterse en moreas de entullo. O silencio, porén, é unha quimera.
El silencio de Allen Robert Angelo
(O silencio de Allen Robert Angelo)
2026
MARZO LOZANO
0:27:30
DOC
ESTREA EN ESPAÑA
De orixe alemá e afastado da modernidade, Allen Robert Angelo vive nas montañas de Galicia. Este documental é un retrato da súa vida sinxela e da súa conexión cos animais; unha obra que observa, escoita e respecta o seu propio silencio.
Saúco
(Saúco)
2026
JÚLIA PÉREZ, ALEJANDRO GRANERO
0:14:42
FIC
ESTREA EN ESPAÑA
A poucos quilómetros dos canóns do río Sil, os veciños do Sabugueiro (Ourense) organízanse para subir á serra e limpar a fonte que abastece de auga a aldea. A localización da poza pérdese ano tras ano debido á abundancia da vexetación, nun lugar onde desapareceron as referencias das leiras e a paisaxe se volveu irrecoñecible.
Maleza
(Maleza)
2026
LUCÍA LAGO CASCÓN, ANTÓN CARRAL LÓPEZ
0:03:00
EXP
Maleza é unha breve exploración dunha das consecuencias máis destrutivas do despoboamento e do abandono rural: os incendios forestais. Faino poñendo o foco no poder devastador da maleza, unha abafante espesura de “malas herbas” provocada polo éxodo rural que, a medida que avanza o relato, é quen de apropiarse da propia imaxe ata destruíla por completo. Utilizando como vehículo narrativo a subxectividade dunha muller anónima que aínda habita a súa aldea natal, Maleza xoga con múltiples formatos audiovisuais, desde gravacións caseiras ata pequenas pasaxes de animación, pasando por escenas de carácter máis conceptual.
Voladuras
(Voaduras)
2026
MANUELA PEREIRA
0:06:59
EXP
ESTREA EN ESPAÑA
Voaduras é unha peza audiovisual construída a partir de material de arquivo sen editar de voaduras en canteiras e movementos de terras, gravado en Galicia entre 2023 e 2025 por traballadores do sector durante os propios procesos de extracción. A película explora a brutalidade poética do verbo voar, tradicionalmente asociado á liberdade ou ao desexo de fuxir, e trasládao cara a outro significado: facer estoupar. Desde unha perspectiva ecofeminista, a peza aborda as prácticas extractivistas e a transformación violenta do territorio e da paisaxe, explorando a relación entre terra, traballo, memoria e territorio a través destas detonacións. Proxecto desenvolvido no marco da convocatoria de creación e selección Sala d'Art Jove 2025, promovida pola Generalitat de Catalunya.
Fun abalar a pedra que está no medio do mar
(Fun abalar a pedra que está no medio do mar)
2026
BREOGAN XAGUE
0:12:00
EXP, DOC
Eu nunca vin moverse a Pedra de Abalar de Muxía. Sei que producía un son profundo e recoñecible ao facelo, pero rompeu cando eu era moi pequeno e só puiden vivilo a través da repetición dos xestos cos que a xente da zona procuraba ese son. Algo semellante ocorreu coa miña lingua: houbo un proceso de transmisión interrompido que, malia todo, atopou novas formas de comunicarse. O recordo dun son tamén resoa.