Sesión con Aleix Plademunt
A obra recente de Aleix Plademunt (Xirona, 1980) pode entenderse a través da metáfora botánica do enxerto: a unión de distintas disciplinas que se transforman mutuamente. Fotógrafo formado no CITM (UPC) e na UDLA de México, e cofundador de Ca l’Isidret, desenvolveu unha traxectoria centrada en explorar os límites da imaxe, a distancia e a escala das cousas.
Ese sistema circulatorio da súa fotografía uníuse recentemente co cinema de Carlos Marques-Marcet e a escrita de Borja Bagunyà. Polo de agora, o froito dese encontro son a instalación Ser Ningú (CCCB, 2025) e a película Un arbre és un arbre (2026), dúas obras que expanden e desprazan os límites das súas respectivas linguaxes.
Nesta ocasión, Plademunt presenta un diálogo entre os seus proxectos fotográficos e cinematográficos: Almost There (2013), Matter (2023), Ser Ningú, Un arbre és un arbre e a súa última proposta, Sempervirens (2026). Un percorrido que permite rastrexar as continuidades e as transformacións dunha práctica artística atravesada pola observación, a narración e o tempo.