ESTARÍA FACENDO FOTO TODO O TEMPO.
ENCONTRO CON RICARDO CASES
Non é documental, mais si o é. Non é etnografía, mais si o é. Non é caricatura nin parodia, mais tamén hai algo diso. A práctica de Cases é xogo, diversión e exploración. Hai unha aproximación ao territorio na que Ricardo atopa elementos que o levan a crear itinerarios alternativos á realidade; reinventa a paisaxe do Levante a través de imaxes das súas rutinas diarias, do parque de debaixo da casa ou do camiño que percorre para levar a súa filla ao colexio cada día. As súas fotografías están cheas de significado e intención; en ocasións, o flash e as cores poden levarnos a pensar en algo pop ou banal, mais, lonxe diso, a súa aproximación ao real é o resultado dunha forma de vivir e de entender un mundo cheo de poesía, dureza e cambio.
Cases ten a capacidade de converter obxectos cotiáns en elementos suspendidos nun limbo intermedio entre a realidade e a ficción. As súas narrativas, moitas veces impulsadas pola relación semántica entre as cores dunha fotografía e as formas da seguinte, son singulares, abertas, próximas e, ao mesmo tempo, desconcertantes. A súa mirada é extraordinariamente intelixente, seguramente tamén sen pretendelo. E cos anos —de feito, xa está a acontecer—, o seu corpus converterase nun arquivo fundamental para entender España e o seu tempo, como aconteceu con Massats, García Rodero ou Cristóbal Hara.
Desde fitos fundacionais como Paloma al aire ou Podría haberse evitado, a súa carreira é unha lección de coherencia e renovación formal. Nesta edición de Curtocircuíto, Cases ofrecerá un encontro no que percorrerá a súa traxectoria marcha atrás e desmiuzará o seu arquivo e a súa metodoloxía de traballo.
RICARDO CASES
Nado en Orihuela en 1971, vive e traballa en Torrent, Valencia. É licenciado en Xornalismo pola Universidade do País Vasco. En 2006 incorporouse ao colectivo de fotografía Blank Paper e, en 2009, puxo en marcha Fiesta Ediciones, unha editorial especializada en libros de fotografía.
Entre as súas publicacións destacan Los Tamarindos de La Concha (Dalpine–Kutxa Fundazioa, 2024), TOT (Dalpine–Torch Press, 2022), Estudio elemental del Levante (Dalpine–Torch Press–The Ice Plant, 2020), El Porqué de las naranjas (Mack Books, 2014) e Paloma al aire (Photovision–Schaden–Dewi Lewis, 2011).
O seu proxecto Estudio elemental del Levante foi exposto na Sala Canal Isabel II en 2018 e no Musée Nicéphore Niépce de Chalon-sur-Saône (Francia) en 2019. En 2017 recibiu o Premio de Cultura da Comunidade de Madrid.