CURTOCIRCUÍTO 2025 · SESIÓN ESPECIAL
ENCONTRO CON LAIA ABRIL: ON MASS HYSTERIA
On Mass Hysteria é a última obra de Laia Abril, Premio Nacional de Fotografía 2023 e unha das artistas visuais máis versátiles e recoñecidas do panorama europeo contemporáneo. A través dun traballo rigoroso de investigación e unha linguaxe visual propia, Abril leva anos desenvolvendo unha serie de proxectos sobre a violencia estrutural exercida contra as mulleres, combinando fotografía, arquivo, instalación, texto e documentación. Neste novo capítulo de The History of Misogyny, a artista afonda nos mecanismos históricos e sociais da histeria colectiva, a partir de casos reais acontecidos en diferentes contextos culturais e períodos históricos. On Mass Hysteria examina como o medo, o control institucional e a manipulación simbólica poden construír narrativas colectivas que afectan profundamente a percepción e o tratamento do corpo feminino. En Curtocircuíto, Laia Abril compartirá co público as claves conceptuais e formais deste traballo, abrindo unha reflexión sobre os límites da representación, a memoria e a xustiza social a través da arte.
Laia Abril
Laia Abril (1986) é unha artista investigadora que traballa con fotografía, texto, vídeo e son, centrándose en cuestións de biopolítica e xénero. A súa obra baséase nunha metodoloxía comprometida politicamente e orientada aos procesos, que emprega estratexias de estética forense e contra narrativas, cuestionando as historias dominantes e as políticas de representación.
A súa obra expúxose en máis de 25 países e forma parte de coleccións como as do Centro Pompidou, Photo Elysée, Fotomuseum Winterthur, MACBA, Raíña Sofía, MNAC e o V & A Museum. É autora de libros aclamados, entre os que se inclúen The Epilogue, Lobismuller e a serie A History of Misogyny: On Abortion, On Rape e On Mass Hysteria.
Recibiu o premio Foam Paul Huf (Ámsterdam), a medalla RPS Hood (Londres), o premio Aperture ao mellor libro (Nova York/París) e o Premio Nacional de Fotografía de España. Reside en Suíza, é profesora titular na HSLU e está representada por Lles Filles du Calvaire en París e Set Espai d'Art en España.