CURTOCIRCUÍTO · SESIÓN INAUGURAL · ARIEL

DATOS BÁSICOS

CURTOCIRCUÍTO · SESIÓN INAUGURAL

ESTREA DE ARIEL, DE LOIS PATIÑO 

Na súa sesión inaugural, Curtocircuíto acolle a estrea española de Ariel (Lois Patiño, 2025), un fito clave na programación do festival e na escena cultural de Santiago de Compostela. Lois Patiño, un dos cineastas independentes máis destacados do panorama estatal e europeo, é recoñecido por longametraxes como Costa da Morte (2013), Lúa vermella (2020) e Samsara (2023), que fusionan poesía visual, reflexión filosófica e unha profunda conexión coa contorna natural.

Ariel, rodada nas illas Azores, mestura paisaxe, memoria e experimentalismo para acadar novas cotas narrativas coa entrada da ficción e do traballo actoral na obra do artista vigués, ao tempo que continúa a súa exploración do espazo e do tempo, elementos que caracterizan a súa filmografía.

Esta estrea non só enriquece a programación do festival, senón que tamén reafirma a súa vocación como espazo para a innovación e o diálogo artístico, posicionando Compostela como epicentro de creación e reflexión cinematográfica contemporánea.

Ariel é unha produción de Filmika Galaika distribuída por Atalante Distribución.

Ariel | Lois Patiño | 2025 | 108'

A actriz Agustina Muñoz chega ás illas Azores para traballar na obra A tempestade de Shakespeare. Mais, ao chegar á illa, descobre un lugar moi desconcertante, que a fará dubidar sobre a realidade deste mundo.

Duración: 
2h (aprox)
Acceso: 
  • Acceso libre
Info práctica: 
Martes, 1 Xullo, 2025
22:15
Praza da Quintana