Noite Malandra
Nesta 20a edición, despois de moito tempo, Curtocircuíto recupera a mítica Noite Malandra: un torrente de sátira e humor. Nesta ocasión da man dun dos grupos de programación audiovisual máis interesantes do panorama estatal:
“Mediadistancia convídache a unha Noite Malandra para persoas que non teñen recursos nin habilidades sociais para entregarse ao hedonismo. En cambio, quedamos na casa e deixámonos levar polo fluxo constante de imaxes, identidades e conceptos aos que nos expón internet. Unha sesión que recrea a experiencia delirante de adormecer desprazándose infinitamente no medio das ruínas do capitalismo tardío.
Partimos da curta Whatremains, Genesis de Lou Fauroux, pero a proxección abranguerá todo tipo de formatos: desde tiktoks surrealistas de merda ata videoxogos imaxinados, vídeos fetiche e animación creada pola IA; unha sesión mutante e trastornada, como corresponde aos tempos.
Mergúllate connosco nas correntes de diarrea de contido. Veña, proba a auga. "Fai calor".
O que queda, Xénese
Lou Fauroux | 2023 | Francia | 18:00
A principios de 2048, Google, que agora posúe a maior parte do planeta, atopa un remedio contra a morte en forma dunha aplicación de inmortalidade dixital. Reservado para unha elite masculina rica e poderosa, o código fonte do programa é roubado por un grupo de hackers que o pon a disposición de todos.