CONCERTO INAUGURAL - SOMOS LA HERENCIA FT. ESPÍRITUESCARLATA + ÓSCAR MARTÍN

DATOS BÁSICOS

CURTOCIRCUITO 2021

Somos La Herencia ft. espírituescalera A/V + Óscar Martín

Somos La Herencia

Son tempos especialmente enrarecidos, escuros en moitos sentidos, nos que a displicencia, a censura e mais a violencia gobernan moitos dos aspectos das nosas vidas. Porén, os sons que reinan practicamente en todas as frontes da música contemporánea non representan a sórdida atmosfera actual, ata o de agora. Os madrileños Somos La Herencia, un dos segredos a voces mellor gardados do underground estatal, debutan con Dolo (Humo Internacional, 2020), un devocionario sonoro que chegará a ser a BSO dunha época. Duros coma un bocadillo de lastras, cántanlle á pena, aos pesares e á crueza, cunha énfase tan agresiva como escura; a medio camiño entre a urxencia do pospunk, a electrónica contemporánea máis experimental, a darkwave máis atmosférica, o witch house de vocación máis pop e unha especie de hipnose rock a cabalo entre a performance e o ritual, conseguen facer rock desde os cables e electrónica experimental, desde a cultura rock; achegándose a un marco tan minimalista desde o deseño sonoro como maximalista desde a abrasión punk.

https://somoslaherencia.bandcamp.com/   

espírituescalera

Espírituescalera é un colectivo cinematográfico fundado no inverno de 2014 por Antonio Llamas e Lucas G. Torralbo, coa intención de explorar as posibilidades e os aparentes límites da imaxe sonora en movemento.

Ata o momento as súas obras percorreron multitude de festivais de cine internacionais como DocLisboa, Festival de Málaga, FICVIÑA, Minsk Listapad ou Riga IFF, entre outros. Exhibíronse tamén en varias bienais de arquitectura, como a Bienal de Venecia 2018 ou a I Bienal Feminina de Rabat 2019, e en espazos como Matadero Madrid ou La Fábrica de Armas de Oviedo.

O seu proxecto La insurrección que viene recibiu recentemente unha das axudas á creación audiovisual de Matadero Crea. Cofundadores de Carnicería, espazo de creación que comparten con máis colectivos cinematográficos e compañeiras doutras disciplinas creativas. Actualmente están en proceso de posprodución de tres proxectos: Mitología de barrio, Dulcinea - La Llorona e Lectura íntegra de “La sociedad del espectáculo” en Atenas a la primera. En paralelo, están desenvolvendo tamén a súa primeira longametraxe de ficción, Laguna.

Óscar Martín

Oscar Martín a.k.a noish, Winterthur 1977

Artista sonoro, investigador independente e programador de software con base en Barcelona. A súa práctica podería entenderse coma un dispositivo de coñecemento onde arte, ciencia e tecnoloxía hibridan e converxen desde un enfoque pouco ortodoxo e experimental. Desde o aspecto sonoro, as súas pezas propoñen incentivar unha escoita activa e expandir a percepción a través da experiencia física-acústica do fenómeno da emerxencia de estruturas e patróns nos límites do caótico e o ordenado.

Os seus traballos sonoros publicáronse en Free Software Series, Nyapster, Drone Records e Tecnonucleo, entre outros selos, e presentáronse en directo por Europa e Latinoamérica. Martín tamén está detrás da plataforma de streaming experimental MetaminaFNR e é coeditor da revista sobre cultura aural e música experimental Ursonate Fanzine. Tamén realizou numerosos workshops con ferramentas de creación de código aberto (FLOSS) sobre sistemas xenerativos e computer music.

http://noconventions.mobi/noish

Duración: 
90 MIN
Entradas: 
  • A clausura e a inauguración de CURTOCIRCUÍTO son de balde, previa retirada das entradas no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural (Praza de Cervantes) desde dous días antes de cada evento. (ENTRADAS DISPOÑIBLES O XOVES 30 DE SETEMBRO ÁS 11.00 H)
  • Horario da Zona C. Punto de Información Cultural (Praza de Cervantes): de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h. Domingos de 11.00 a 14.00 h. Teléfono: 981 54 24 62.
  • MÁXIMO 2 entradas por persoa.

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

PROTOCOLO DE ACCESO A ESPECTÁCULOS PUBLICADO NA PORTADA

Funcións: 
Sábado, 2 Outubro, 2021
22:00
Sala Capitol