No marco das celebracións do Día das Letras Galegas 2025, o Teatro Principal vira en escenario dun concerto que reunirá diversas formacións vocais galegas nunha homenaxe á música tradicional e á figura das sete cantareiras e pandeireteiras recoñecidas nesta edición, representantes dunha longa tradición oral que mantivo viva a expresión musical do país.
Este evento pon en valor a lingua galega como elemento esencial da creación artística e destaca a música tradicional como parte fundamental do patrimonio cultural colectivo. A proposta coral preséntase como unha lectura actualizada e coidadosa dos repertorios herdados, afastada de distorsións lingüísticas ou enfoques folclorizantes, e comprometida cunha visión respectuosa e normalizada do galego.
A iniciativa pretende reforzar o papel da música galega no presente, superando a súa redución a elementos decorativos ou anecdóticos, e reivindicando o seu status como compoñente estruturador da identidade cultural.
Coa participación da Coral Ponte Mantible, a Coral Amigos do Castiñeiriño, o Coro Asubío, o Coro Crecente de Voces Graves e a Coral Solfa, o encontro concíbese como un espazo de encontro para a difusión e apreciación da riqueza musical propia, expresada na lingua galega e baseada nunha tradición viva que segue a construír futuro.