CLAUSURA CURTOCIRCUÍTO

DATOS BÁSICOS

CURTOCIRCUÍTO 2022

ACTO DE CLAUSURA E ENTREGA DE PREMIOS

Como colofón á décimo novena edición do festival, celebraremos un acto de clausura, presentado pola artista escénica Clara Gayo, que consistirá en:

  • 21:00 | Presentación do Comisariado Interdisciplinar a cargo de Laura Iturralde, Richard Mascherin, Sam Fuentes, Alberto Cernadas e Alejandro Da Rocha
  • 21:30 | Entrega de premios aos gañadores das distintas categorías + proxección filme gañador da Sección Oficial

Comisariado interdisciplinar

A proposta CAER en Santiago é unha obra escénica que traballa a poética da caída. Basease nun proxecto existente: CAER, CAER, CAER, dirixido por Richard Mascherin. Para esta ocasión o proxecto experimenta como se adaptan as súas ideas principais ao entorno da cidade de Santiago, colaborando con CURTOCIRCUÍTO dentro do programa de Comisariado Interdisciplinar do festival. Conta cos artistas Laura Iturralde, Sam Fuentes, CRNDS e DA ROCHA UM, a cargo da iluminación, videoproxección e música.

Richard Mascherin

Richard Mascherin (1992). Criouse en Tijoco Bajo, un lugar apartado do sur de Tenerife. É bailador e creador enfocado nas artes escénicas contemporáneas e audiovisuais. Traballou en obras con directores internacionais como Sharon Fridman ou Marcos Morau e en xiras por Europa, Asia e América do Norte. A caída é un concepto moi presente na súa carreira como intérprete e na maneira na que se mantén e traduce o seu entorno. A inevitabilidade da caída é o concepto que segue na súa investigación artística, que busca situarse entre a danza e a performance, o pracer e a dor, o realismo e o teatro. Dirixe Caer, caer, caer, un proxecto ramificado en diferentes formas e propostas arredor da caída e da vulnerabilidade. Investiga e vincula diferentes medios: danza, performance, vídeo e fotografía.

Laura Iturralde

Iluminadora, visualista e escenógrafa. Dentro dos seus traballos podemos destacar a dirección artística de Terra do grupo Tanxugueiras para o festival de Benidorm, o deseño de iluminación e videoescena de Fariña ou os deseños de espazo e luz para Mercedes Peón, Brigitte Vasallo e o Centro Dramático Galego. Desenvolve tamén o seu traballo máis persoal nos proxectos de música con visuais como Corvax e en instalacións como Fenda ou Centinela. Suma un total de 5 premios nacionais e autonómicos e 9 nominacións nos últimos 4 anos polos seus traballos no eido da iluminación escénica. Explora desde 2016 a liña do live cinema e as visuais a tempo real a través de cámara en vivo, participando con proxectos como Lorca namorado, ¡Oh!, rosas vivas, Vesalii Icons, Trilitrate e Nostoc. Participa ademais en proxectos audiovisuais como Augas abisais, de Xacio Baño ou Salvaxe, salvaxe de Walkie Talkie Films. Desde 2022 é vogal galega da Asociación de Autores de Iluminación, entidade adicada á obtención de recoñecemento da figura do Deseñador/a de iluminación.

Alejandro Da Rocha

Desenvolveu, en paralelo aos seus estudos de investigación en artes plásticas, a súa carreira como DJ e produtor de música electrónica en Galicia, Porto, Marsella, Madrid e Barcelona, cidade onde reside e traballa. Ten colaborado con compañías de danza e artistas como Kor'sia, laSADCUM, Richard Mascherin e Somadamantina, e os seus mixes teñen sido emitidos en radios como NOODS, Ma3azef, Radio Primavera Sound, Dublab.es e Radio Relativa. Tanto nas súas producións individuais como nas súas colaboracións, o seu son combina liñas percusivas industriais fortes, con fragmentos ambientais próximos á nostalxia e á contemplación. As súas fontes de inspiración van dende os sons experimentais de vangarda ata as referencias da música relixiosa e tradicional de distintos continentes, que se fan moi presentes en moitas das súas pezas tanto propias como colaborativas.

Alberto Cernadas

Alberto Cernadas é compositor, produtor e fundador do selo independente Lindisfarne. Fórmase como guitarrista na ESMUC (Barcelona), no itinerario de música clásica e contemporánea. A partir de 2019 comeza a traballar baixo o nome de crnds e debuta como produtor co primeiro álbum de estudo de Sandra Monfort, Niño reptil ángel, galardoado como mellor disco do ano nos premios Carles Santos de Valencia. Despois de publicar varias colaboracións a través de Lindisfarne, o produtor lanza Cernadas, o seu primeiro álbum en solitario. Este traballo caracterízase pola integración de elementos propios da música tradicional de Galiza, coa linguaxe tímbrica da electrónica experimental. Na súa breve traxectoria, crnds ten colaborado con artistas como Cibrán Seixo, Sandra Monfort, Clara Fiol ou Fransy González.

Sam Fuentes

Sam Fuentes é un artista que reside entre Amsterdam e Viena. Traballa principalmente o cinema e céntrase na investigación a través da práctica audiovisual e na importancia do proceso como motor de traballo. Os temas do seu traballo son os espazos subxectivos que intermedian entre os trazos de afecto, memoria e arquitectura.

Graduado en Comunicación Audiovisual (UC3M), con Formación Complementaria en Humanidades, e Máster en Comunicación Arquitectónica (MAca); ten realizado estadías e obradoiros en espazos de creación contemporánea como a EICTV (Cuba), LAV (Madrid), Nothing Happens in This Film (Argentina-online) ou Konvent Puntzero (Cataluña). O seu traballo foi exhibido no Glasgow Centre for Contemporary Arts, Stedeljik Museum e Cineteca Madrid, así como no Festival Internacional de Cine Documental de Buenos Aires (FIDBA), Whole Festival e Glastonbury Festival.

Duración: 
90 min
Entradas: 
  • compostelacultura.gal

  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462

  • Despacho de billetes do Teatro Principal. Os días de festival, desde 1 h antes do comezo da primeira sesión ata o comezo da última sesión. Tel.: 981 542 349

 

  • A clausura e a inauguración de Curtocircuíto son de balde, ata completar aforo, previa retirada das entradas no despacho de billetes desde dous días antes de cada evento.

  • Máximo de dúas entradas por persoa.

Funcións: 
Domingo, 9 Outubro, 2022
21:00
Teatro Principal