CINEUROPA 39

DATOS BÁSICOS

Cineuropa regresa un novembro máis ás pantallas de Compostela para celebrar o cinema como espazo de encontro, de reflexión e de liberdade. A súa 39ª edición desenvolverase entre o 7 e o 23 de novembro e abrirá o venres 7 coa proxección da película iraquí Mamlaket Al-Qasab (A torta do presidente), Cámara de Ouro á Mellor Ópera Prima no Festival de Cannes. Con este filme dá inicio a unha edición que reunirá máis de 140 películas procedentes de todo o mundo e un amplo abano de debates, encontros, ciclos e actividades paralelas.

Entre as grandes citas do calendario internacional, Cineuropa 39 proxectará o León de Ouro da Mostra de Venecia, o Oso de Ouro de Berlín, o Leopardo de Ouro de Locarno e o Gran Premio do Xurado de Cannes, ademais doutros moitos títulos dos festivais citados e doutros certames internacionais como San Sebastián, Bos Aires ou Sitges, combinando novas voces con cineastas e ollares consagrados. A programación acollerá obras de Paolo Sorrentino, François Ozon, Olivier Assayas, Richard Linklater, Joachim Trier, Radu Jude, Lucile Hadzihalilovic, Pietro Marcello, André Téchiné, Lucrecia Martel, Hafsia Herzi, Dag Johan Haugerud, László Nemes, Alice Winocour ou Pedro Pinho, entre outros.

Nesta edición, o xenocidio palestino e a memoria das ditaduras do século XX atravesan moitos dos relatos, coa presenza destacada do cineasta Kamal Aljafari, que será tamén un dos tres Premios Cineuropa 2025. Xunto a el, recibirán o galardón Jonás Trueba, referente do cinema independente español e herdeiro da mellor tradición humanista europea, e Jaione Camborda, directora donostiarra-compostelá que fixo historia ao gañar a Cuncha de Ouro de San Sebastián con O corno e que representa o vigor do Novo Cinema Galego.

O xurado internacional estará conformado por Eulàlia Iglesias, docente da Universitat Rovira i Virgili, integrante dos comités de programación de SEMINCI e D'A-Festival Internacional de Autor de Barcelona, alén de colaboradora de numerosas publicación; Ramón Lluís Bande, destacado cineasta de non ficción cunha obra centarda na memoria histórica, o territorio e a resistencia antifascista asturiana; e Florencia de Mugica, produtora licenciada de Arte Dramática alén de fundadora de Bomba Cine e responsable de múltiples producoóns premiadas en festivais internacionais. 

O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C son as sedes da 39ª edición de Cineuropa.

As entradas e bonos poranse á venda o mércores 5 a partir das 11 horas na Zona C e na web compostelacultura.gal 

 

 

 

 

Acceso: 

Prexo xeral entradas: 4 euros* 

Bono 10 películas: 30 euros

Catálogo: 2 euro

*Hai proxeccións e actividades de balde e concertos e especiais con prezos específicos. 


Datas e espazos para a venda de entradas 

Do mércores 5 de novembro (11h) ata o inicio do festival, venda en:

  • compostelacultura.gal
  • ZONA C. Punto de Información Cultural (Praza de Cervantes): de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h.

A partir do día 8 de novembro, venda en:

  • Para as proxeccións de todas as salas:
    • compostelacultura.gal
    • ZONA C. Punto de Información Cultural (Praza de Cervantes): de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h.
    • TEATRO PRINCIPAL: de 15.00 h ata a hora de inicio do último filme no Teatro Principal ou no Salón Teatro. 
  •  En cada sala, para as proxeccións dese espazo:
    •  NUMAX: de luns a sábado (excepto martes) de 10.30 a 14.00 h e de 16.00 a 20.30 h e os martes só de 16.00 a 20.30 h. Os domingos e calquera outro día fóra deste horario, abrirase o despacho de billetes 10 minutos antes do inicio da sesión. Neste despacho de billetes só se poderá pagar en efectivo
    • AUDITORIO DE GALICIA: dende media hora antes do inicio de cada sesión

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADA

Info práctica: 
Venres, 7 Novembro, 2025 a Domingo, 23 Novembro, 2025
Varios lugares