CC_XX: NOVAS CREADORAS

DATOS BÁSICOS

CURTOCIRCUÍTO 2020
XX:novas_creadoras

Curtocircuíto quere poñer en valor a unha xeración de mulleres cineastas valentes e xenuínas  que, desde 2016, foron pasando por Curtocircuíto e cuxa continuidade e cohesión fixo que queiramos destacalas como un grupo definido por características comúns concretas: o cinema en primeira persoa, o compromiso consigo mesmas e co seu entorno, o emprego de narrativas e historias non convencionais, que é producido dende a independencia e, sobre todo, a temática dos seus filmes. Neste aspecto, se ben o Novo Cinema Galego tiña un interese pola etnografía ou a paisaxe e as súas representacións, este novo grupo de cineastas amosa unha clara vocación por indagar en temas como a identidade e a intimidade, os conflitos de xénero, a sexualidade e o lugar dunha muller nunha sociedade que ten por asumir, dunha vez, un cambio de paradigma neses ámbitos. Un cinema fresco e arriscado que supón a renovación da escena cinematográfica galega.

En Curtocircuíto reunímolas neste foco para axuntar unha obra case colectiva onde os xéneros cinematográficos se mesturan e hibridan. Unha xeración que se consolidou nunha comunidade creativa a partir de espazos como Chanfaina LAB ou Novos Cinemas, onde os procesos creativos estiveron abertos a unha influencia mutua entre as cineastas. Estas pezas confirman a nosa idea de que os festivais deben de ser, ademais de espazos de exhibición, un punto de encontro, intercambio e produción de ideas. Anxos Fazáns, Lucía Estévez, Marta Valverde, Arancha Brandón, Ariadna Cordal García, Sol Mussa, Iria Silvosa, Aldara Pagán, Judith Adataberna e Lara e Noa Castro son as directoras e creadoras que proxectarán as súas obras nesta sesión especial.

El espectrorium
Judith Adataberna | 2018 | 12:48 | España | EXP | COR
O espectrorium é unha viaxe en dúas fases a través do reino dos sentidos. Descompoñendo a mirada a través de diferentes espectros visuais, avanzamos por un sistema floral de colores suadas. A fascinación pola luz atopa a súa ambigüidade na reconsideración do real.

Cando mamá pechou as caixas
Arancha Brandón | 2018 | 16:25 | España | DOC | COR
O peche dun negocio familiar e a despedida dunha etapa. Un reto de superación entre o po e as crises que teñen lugar cando Delia cambia de vida e ten que seguir adiante con máis de 50 anos. Un documental sobre a familia, o traballo en familia e a importancia de atoparse a si mesmos.

Sendeiro
Lucía Estévez | 2018 | 15:00 | España | FIC | COR
Un conto de irmáns. O paso do tempo vive nas paredes baleiras da casa familiar. Julia e Manu conviven co silencio e a distancia, de costas á realidade. A inocencia acompaña ao cativo nun intento por sacar a flote á súa irmá.

Area
Anxos Fazáns | 2017 | 10:57 | España | FIC | COR
Area narra a historia dunha despedida, pero tamén fala do proceso creativo dende o punto de vista de quen escribe. Afúndese literalmente na mente do escritor que utiliza a ficción para auto-descubrirse nas súas palabras. A protagonista desta curtametraxe é unha mente na que a realidade, a literatura, e o mundo onírico, forman unha mestura homoxénea.

Alí sentíame eterna
Aldara Pagán | 2020 | 06:55 | España | EXP | COR
“Alí, co corpo espido, entre toda aquela vida colorida e natural, sentía a inmensidade. Alí sentíame eterna.”

El tiempo suspendido
Marta Valverde | 2017 | 02:43 | España | EXP | COR
O río é un lugar de lecer familiar. Mais tamén é un recuncho para conectar coa natureza e a propia esencia animal. A corrente funciona como o metrónomo das pulsacións humanas.

Fulgor
Iria Silvosa | 2016 | 06:40 | España | EXP | COR
Retrato do río que observa a cidade que o atravesa. Peza xurdida a partir do obradoiro "Mirar o río" impartido por Lois Patiño dentro do marco do Festival Internacional de Cine de Pontevedra NOVOS CINEMAS edición 01.

A vella e o deserto
Lara Castro, Noa Castro | 2019 | 07:32 | España | EXP | COR
A vella e o deserto xira arredor dunha muller simbólica, outra Xonxa, que desta vez non é labrega, ten unha vasoira e non un fouciño. Esta figura é ela mesma e calquera outra. A nosa vella vive no deserto do soño, onde nada se posúe e todo aparece, froito do traballo continuo, noite tras noite. Para a muller todo é deserto. Ela afánase en soidade, e do seu tesón agroman os verxeis. A mocidade, o amor, a abundancia ou a partida, aparecen codificadas, repetidas, na ilusión perpetua da memoria. Alí, o vento zoa e voan, como voaban na nenez, os papaventos.

They Ponder
Ariadna Cordal García | 2017 | 04:56 | España | DOC, EXP | COR
Documental experimental que explora a ambigüidade da mente e das emocións a través da xustaposición de retratos humanos e imaxes abstractas.

Stockroom
Sol Mussa | 2019 | 11:22 | España | DOC, EXP | COR
Curtametraxe de xénero documental que mestura imaxes dun almacén de traballo con exteriores de Londres. Retrátanse as dificultades da cidade a través dos traballadores do almacén, os propios pensamentos de alguén que está vivindo o cambio ao novo lugar ou do Brexit. As imaxes están tratadas de forma experimental e permiten falar da memoria e dos cambios.
 

 

Duración: 
95 MIN
Información da billeteira: 

Despacho de billetes do Teatro Principal. Entradas dispoñibles para todos os eventos do Festival desde o 29 de setembro, de martes a sábado (+ días de evento) entre as 18:00 e as 21:00h. Semana do Festival de 16:30h  ata o comezo da última sesión. Teléfono: 981 542 349

NUMAX: só se poderán adquirir entradas para as proxeccións realizadas nesta sala. Entradas dispoñibles desde o 29 de setembro. Teléfono: 981 560 250

Funcións: 
Sábado, 10 Outubro, 2020
17:00
Salón Teatro

UBICACIÓN