TEMPADA «MEMORIA»
REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
Javier Fajardo, director
Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia
Coros participativos
Emilia Pérez, soprano
Guillermina Gallardo, mezzosoprano
Sergio Malvar, tenor
Lucas López, barítono
PROGRAMA
Wolfgang Amadeus Mozart:
- Abertura d’A Frauta Máxica
- Réquiem K 626
Mozart pecha a tempada con dúas obras compostas nos últimos meses da súa vida. A frauta máxica concentra os seus ideais masónicos: a tonalidade de mi bemol maior, as probas iniciáticas e os acordes da abertura conducen a un universo no que a luz triunfa sobre a escuridade. Un fermoso preámbulo para o Réquiem, a obra que a morte lle impediu concluír. Encargado para conmemorar o falecemento da condesa von Walsegg-Stuppach, Mozart deixou rematado o Introito, o esencial do Kyrie e boa parte das seccións centrais da misa, ademais de apenas oito compases do Lacrimosa. A súa viúva, Constanze, confiou a varios discípulos a tarefa de completar a partitura, labor que asumiu finalmente Franz Xaver Süssmayr. En 1993, Robert Levin realizou unha nova reconstrución da obra, tentando aproximarse á intención orixinal de Mozart. Sen que poidamos saber con certeza canto corresponde a cada man, o Réquiem converteuse nunha das creacións máis conmovedoras da historia da música. E se Mozart o deixou inacabado, a forza do canto concédelle finalmente a súa máis fermosa plenitude.
Ás 19.15 h, Conversando con... Javier Fajardo na Sala Mozart