CAMPUS CURTOCIRCUÍTO 2026

DATOS BÁSICOS

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto volverá celebrarse en verán na súa edición de 2026, que terá lugar entre o 30 de xuño e o 5 de xullo en Santiago de Compostela. Tras a boa acollida da pasada edición, marcada polo éxito da súa apertura ao espazo público e a recuperación das proxeccións ao aire libre, o certame consolida este modelo, reforzando a súa presenza nas rúas e a súa vontade de converterse nun punto de encontro cultural aberto á cidadanía.

Como antesala da semana oficial, o festival acollerá unha nova edición de Curtocircuíto Campus, a súa liña dedicada á formación, alfabetización audiovisual e á creación de novos públicos, que se desenvolverá entre o 6 e o 10 de abril en sesións matinais no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia así como nas Facultades de Ciencias da Comunicación e de Ciencias da Educación.

Esta proposta reúne cada ano preto de dous mil estudantes arredor dunha programación que combina proxeccións, encontros e actividades pedagóxicas.

Curtocircuíto Campus consolídase como un dos piares fundamentais do festival, estruturando a súa oferta en diferentes seccións dirixidas a públicos diversos, entre as que destacan Criaturas, orientada ao público infantil, e Teenage Riot, centrada na audiencia adolescente e xuvenil.

Nesta edición, o festival adianta algúns dos títulos que formarán parte destas seccións. En Criaturas, o público máis novo poderá descubrir historias que transitan entre a aventura e a emoción, como L’Ourse et l’Oiseau, de Marie Caudry, na que unha osa emprende unha longa viaxe para reencontrarse co seu amigo; Gilbert, de Alex Salu, Arturo Lacal e Jordi Jiménez, que introduce un pequeno conflito nun arquipélago aparentemente tranquilo; Amen, de Orphee Coutier, Bettina Demarty, Kimie Maingonnat, Laurène Perego, Avril Zundel e Louise Poulain, unha fábula que cuestiona o destino e a liberdade; e Duet, de Léo Brunel, unha peza que combina humor e complicidade a partir dun encontro inesperado.

Pola súa banda, Teenage Riot incluirá títulos que dialogan coas inquietudes da mocidade contemporánea. Entre eles, Casi septiembre, de Lucía G. Romero, un coming-of-age queer que retrata con sensibilidade as relacións e a falta de referentes dunha xeración; La foguera, de Àlex Gantzer, que aborda o dó e a rabia contida a través dunha viaxe íntima; e El cuento de una noche de verano, de María Herrera, unha historia sobre o consentimento enmarcada na intensidade dun encontro esporádico.

Na sección Canteiras, o festival volve colaborar con Sergio Clavero, fundador de Aturuxo Films e experto en didáctica da alfabetización e da creación cinematográfica, para propoñer dúas actividades na Facultade de Ciencias da Educación. A primeira estará dedicada á formación de futuros formadores e centrarase na linguaxe visual contemporánea derivada do uso de pequenos dispositivos de gravación, como os teléfonos móbiles, así como nos novos códigos visuais de internet. A segunda, impartida polo propio Clavero, será unha actividade titulada Relatorio–Obradoiro de creación fílmica. Como indica o seu nome, tratarase dunha sesión teórico-práctica na que se elaborará un filme colectivo co estudantado da Facultade.

O Campus completarase con dúas actividades abertas ao público xeral na Facultade de Ciencias da Comunicación, ambas desenvolvidas en colaboración co Club de Cine Facom que serán anunciadas proximamente.

Residencia artística: Manuela Lorente

Curtocircuíto volverá acoller a súa residencia artística centrada na fotografía, unha iniciativa que busca construír novas miradas sobre a cidade a través da creación contemporánea. Na edición de 2026, a artista convidada será Manuela Lorente (Madrid, 1991), fotógrafa especializada na narración de historias a través da imaxe documental.

Formada no Máster Internacional de Fotografía e Xestión de Proxectos en EFTI —onde foi recoñecida co Premio Futuro Al Betrayal— e cunha formación previa en arquitectura, Lorente desenvolve un traballo no que realidade e ficción conviven, explorando cuestións como o costumismo, a cultura popular, a identidade urbana e as relacións persoais, especialmente vinculadas á cidade de Madrid.

A súa obra, marcada pola excentricidade e a picaresca, deu lugar a publicacións como Él pone la música, nosotros bailamos (2021) e ¿Y a esta rata quién la mata? (2022), editadas por Dalpine. Na actualidade, compaxina o seu traballo como fotógrafa freelance con proxectos para institucións e entidades culturais, así como coa docencia en diversos centros e programas formativos.

A súa traxectoria inclúe exposicións e participación en festivais e espazos de relevancia internacional como Circulation(s), Les Boutographies, Getxophoto, PhotoEspaña ou Rencontres d’Arles, ademais de múltiples recoñecementos e seleccións en certames especializados.

Curtocircuíto reforza así o seu compromiso coa educación audiovisual, o pensamento crítico e o apoio aos novos talentos, mantendo o seu obxectivo de achegar o cinema á comunidade educativa e fomentar o diálogo entre creación e público desde idades temperás.

 

Acceso: 
  • Actividades dirixidas a centros de ensino previa inscrición.
Info práctica: 
Luns, 6 Abril, 2026 a Venres, 10 Abril, 2026
Varios lugares