FRAN SIEIRA E CAAMAÑO&AMEIXEIRAS
Posfunción: o día 7 de febreiro ao remate do pase
Idade recomendada: público adulto
Duración: 70 min
Lingua: Galego
Benquerer, querer, querer ben e quererse ben son algúns dos termos nos que afonda o novo espectáculo de Fran Sieira, desta vez, acompañado en directo polo dúo galego ligado á música e ao baile de raíz, Caamaño&Ameixeiras.
Desde un punto de vista case autobiográfico, a peza cuestiona que é quererse ben a un mesmo. É posible benquerer outras persoas sen quererse ben? Algunha vez antepoñemos o benquerer ao querernos ben? Ata que punto a benquerenza pode ser real se non vai acompañada de amor e respecto propio? Todos estes cuestionamentos fanse tamén dende as marxes, sempre con perspectiva de xénero.
O auto-coidado emocional é o eixe central sobre o que xira este novo proceso creativo tan persoal e íntimo para o creador, onde a través do seu propio relato detallará a importancia do coidado, de quererse ben, de aceptarse e respectarse a un mesmo.
ACCESIBILIDADE SENSORIAL
Este espectáculo dispón de butacas preferentes e medidas específicas de accessibilidade sensorial, que inclúen:
- Folleto de man para persoas xordas (incluíndo as letras dos temas cantados).
- Intérprete en lingua de signos (para o acompañamento das persoas xordas á entrada do Teatro e transcribir a presentación do inicio e a dinámica pos-función).
- Mochilas vibratorias.
- Folleto de man en braille.
- Visita táctil previa (visita organizada e con audio-descrición onde as asistentes coñecen elementos do vestiario, instrumentos, escenografía e calquera outra ferramenta escénica que forma parte da obra á que asistirán posteriormente).
En caso de querer ocupar una destas prazas, cómpre solicitala a través deste FORMULARIO, indicando as medidas de accesibilidade precisas. A reserva será confirmada a través de correo electrónico e o pago farase directamente na billeteira do Teatro.