ARTES ESCÉNICAS 2026 · PRIMEIRO SEMESTRE

DATOS BÁSICOS

Compostela Cultura presenta o seu programa de Artes Escénicas para o primeiro semestre de 2026. Son un total de 23 propostas e 33 funcións de Teatro e Danza que se desenvolverán no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal.

Tres focos transversais artellan unha tempada para “repensar o presente, o pasado e a construción da memoria” e “que resulta do entendemento da cultura como dereito e como espazo compartido,  e de concibir as artes vivas como un espello dende o que observarnos e recoñecernos, como un convite a nos atopar no patio de butacas e a debater en colectivo”.

Así, o Foco Castelao en escena revisita a obra, o pensamento e o legado deste autor capital para dirixir a ollada ao tecido do relato histórico, á construción da identidade e ao papel esencial do humor (coas súas múltiples variantes) como ferramenta crítica. Dous espectáculos ICTUS, de Chévere, e Os Dous de Sempre, de Producións Teatrais Excéntricas, demostran a vixencia do seu legado no imaxinario colectivo.

Outro foco, Escenas do presente abre un espazo dedicado ás creadoras e creadores que están a redefinir a escena galega e estatal desde novas preocupacións, novas linguaxes e novas formas de mirar o mundo. Son propostas que abordan temas plenamente contemporáneos —identidade, corpo, saúde mental, violencias, incerteza xeracional— con risco, frescura e unha forte pegada autoral, trazando un mapa do que está a medrar agora mesmo no país.  Neste foco figuran espectáculos como Nortear, de Columna Balteira; Historia Vaxenial, de Raquel Nogueira e Iván Marcos; Transeúnte, de Daniel Rodríguez, Alicia wants to, de Bengala Teatro Físico ou Contra Ana, de La Contraria. 

E finalmente, o Foco NeoTrad, que xa estivera presente na programación de 2024, continúa a reivindicar a  cultura tradicional e a súa hibridación coa danza contemporánea en traballos como Benquerer, de Fran Sieira en colaboración con Caamaño&Ameixeiras; a xa mencionada Transeúnte, de Daniel Rodríguez;  Alén, do Colectivo Glovo, e Vicenta Lorca de Óscar Cobos. 

Entradas 

As entradas para os espectáculos poden mercarse a partir deste martes 5 de decembro, ás 11.00 horas. Case todas elas estarán dispoñibles tanto na páxina web de compostelacultura.gal como na Zona C · Punto de Información Cultural no seu horario habitual: de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas. A excepción é o espectáculo ICTUS de Chévere, cuxa venda de entradas se realizará a través de ataquilla.com. Ademais, para todos os casos e sempre que existan aínda localidades dispoñibles, as entradas poderán adquirise tamén o día de cada espectáculo na sala en que este se desenvolva, dende unha hora antes do seu inicio.

Acceso: 
  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • Despacho de billetes do Teatro Principal. O día do espectáculo desde 1 h antes do comezo do mesmo. Tel.: 981 542 349
  • Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. O día do espectáculo desde 1 h antes do comezo do mesmo. Tel.: 981 571 026
  • Descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

Info práctica: 
Venres, 5 Decembro, 2025
Varios lugares