Compostela Cultura presenta o seu programa de Artes Escénicas para o primeiro semestre de 2026. Son un total de 23 propostas e 33 funcións de Teatro e Danza que se desenvolverán no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal.
Tres focos transversais artellan unha tempada para “repensar o presente, o pasado e a construción da memoria” e “que resulta do entendemento da cultura como dereito e como espazo compartido, e de concibir as artes vivas como un espello dende o que observarnos e recoñecernos, como un convite a nos atopar no patio de butacas e a debater en colectivo”.
Así, o Foco Castelao en escena revisita a obra, o pensamento e o legado deste autor capital para dirixir a ollada ao tecido do relato histórico, á construción da identidade e ao papel esencial do humor (coas súas múltiples variantes) como ferramenta crítica. Dous espectáculos ICTUS, de Chévere, e Os Dous de Sempre, de Producións Teatrais Excéntricas, demostran a vixencia do seu legado no imaxinario colectivo.
Outro foco, Escenas do presente abre un espazo dedicado ás creadoras e creadores que están a redefinir a escena galega e estatal desde novas preocupacións, novas linguaxes e novas formas de mirar o mundo. Son propostas que abordan temas plenamente contemporáneos —identidade, corpo, saúde mental, violencias, incerteza xeracional— con risco, frescura e unha forte pegada autoral, trazando un mapa do que está a medrar agora mesmo no país. Neste foco figuran espectáculos como Nortear, de Columna Balteira; Historia Vaxenial, de Raquel Nogueira e Iván Marcos; Transeúnte, de Daniel Rodríguez, Alicia wants to, de Bengala Teatro Físico ou Contra Ana, de La Contraria.
E finalmente, o Foco NeoTrad, que xa estivera presente na programación de 2024, continúa a reivindicar a cultura tradicional e a súa hibridación coa danza contemporánea en traballos como Benquerer, de Fran Sieira en colaboración con Caamaño&Ameixeiras; a xa mencionada Transeúnte, de Daniel Rodríguez; Alén, do Colectivo Glovo, e Vicenta Lorca de Óscar Cobos.
Entradas
As entradas para os espectáculos poden mercarse a partir deste martes 5 de decembro, ás 11.00 horas. Case todas elas estarán dispoñibles tanto na páxina web de compostelacultura.gal como na Zona C · Punto de Información Cultural no seu horario habitual: de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas. A excepción é o espectáculo ICTUS de Chévere, cuxa venda de entradas se realizará a través de ataquilla.com. Ademais, para todos os casos e sempre que existan aínda localidades dispoñibles, as entradas poderán adquirise tamén o día de cada espectáculo na sala en que este se desenvolva, dende unha hora antes do seu inicio.